INÉS SANTIAGO E ANTONIO SERRAT PROCLAMÁRONSE CAMPIÓNS GALEGOS DE TRÍATLON

27 de Agosto de 2016

Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse hoxe campións galegos de Tríatlon 2016, no XVI Tríatlon Cidade de Pontevedra, que reuniu a case 400 deportistas.

IMG-20160827-WA0035Na categoría feminina houbo moita competitividade, con deportistas moi destacadas e un dominio case absoluto do Tríatlon Ferrol. Inés saíu da auga xa na primeira posición, aínda que as distancias eran curtas coas triatletas que viñan por detrás (Carmen Gómez, Melina Alonso e Camila Alonso). Así formouse un cuarteto na bicicleta con estas deportistas que lograron aumentar as distancias coas perseguidoras e foi na carreira a pe onde Santiago amosou a súa forza para lograr o título de campioa galega cun tempo de 01:02:15. A segunda posición foi para a súa compañeira e amiga Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) a só 14 segundos, mentres que o terceiro posto no caixón de premiadas foi ocupado por Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) cun tempo de 01:02:44. De destacar a remontada de Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) que despois de quedar descolgada nos dos primeiros segmentos, logrou o mellor tempo na carreira a pe e así escalou ata a cuarta posición, por diante de Melina Alonso, que defendía o título galego do 2015.

Ademais, gran traballo realizado pola paratriatleta viguesa Susana Rodríguez xunto á súa guía Mabel Galardo, no test feito pensando nos Xogos Paralímpicos de Río.

Na proba masculina, o actual campión galego, o vigués Antonio Serrat, revalidou o título, nunha proba que dominou de principio a fin. Saíu do Lérez moi ben situado, na terceira posición a só cinco segundos do primeiro e na bicicleta marchou en solitario para definir o que sería un triunfo claro para Serrat cun tempo de 54:41. A segunda posición foi para Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial), que foi de menos a máis para acadar o subcampionato galego cun tempo de 56:29. A terceira posición na proba foi para Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo), pero o terceiro caixón do Campionato Galego foi para Martín Carrera (Natación Riveira).

O Galego disputouse sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira a pe) pola contorna da Ponte dos Tirantes. Para poder participar nesta proba os participantes tiveron que lograr a clasificación nas diferentes probas que conforman o circuíto galego de tríatlon de estrada.

Os gañadores noutras categorías foron:

  • Cadete: Inés Castaño (Arcade Inforhouse) e Iván Puentes (Tríatlon Ferrol).
  • Júnior: Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) e Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial).
  • Sub 23: Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo).
  • Veterán 1: Aída García (Olímpico de Vedra) e Pedro Antonio Esmorís (Tríatlon Arteixo).
  • Veterán 2: Andrés López (Tríatlon Vilagarcía).
  • Clubs: Tríatlon Ferrol (feminino) e Trí-Penta Terras de Lugo (masculino).
  • Paratríatlon: Susana Rodríguez (Mar de Vigo).

A programación do día incluía un Nada e Corre para as categorías benxamín e alevín (non competitivo) e dúas probas populares (minisprint e sprint), con máis de 250 triatletas entre as tres probas.

XVI TRIATLON CIDADE DE PONTEVEDRA(1)

 

 

 

 

Quizáis che interese…

Abu Dhabi e Quarteira

Abu Dhabi e Quarteira

O venres comezaba unha fin de semana intensa seguindo os triatletas internacionais galegos....