ANTONIO SERRAT, 21º NA PRIMEIRA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS DE TRÍATLON EN ABU DHABI

8 de Marzo de 2019

Antonio Serrat comezou a tempada de tríatlon cun 21º posto na Serie Mundial de Abu Dhabi, nunha proba espectacular na que se decidiu todo no terceiro segmento. O triunfo foi para o mallorquino Mario Mola, cunha remontada impresionante na carreira a pe; e o bronce para Fernando Alarza.

A primeira proba das Series Mundiais deste ano contaba cunha participación estelar, xa que estaban case a totalidade dos mellores triatletas do mundo. Foi unha proba diferente ao habitual xa que estivo moi igualada ata o remate. Na natación liderou, como case sempre, Richard Varga, aínda que nesta oportunidade con distancias mínimas, polo que chegaron a primeira transición todos os participantes en menos de 40 segundos. O galego Serrat saíu bastante atrás (posto 40) a trinta segundos de Varga, pero o problema xurdiu no momento no que saltou sobre a bicicleta, xa que se lle baixou o sillín por completo e iso lle condicionou todo o segmento de ciclismo.

No comezo deste segundo tramo, caída de Le Corre nunhas curvas bastante complexas xunto á saída da transición, e neste mesmo punto houbo no segundo paso unha montonera con varios deportistas. Durante moitos quilómetros, o pelotón estivo dividido en numerosos grupos, pero con distancias moi curtas, polo que a falta de 5 quilómetros para o final formouse un grupo de 42 deportistas no que estaban os catro españois e todos os favoritos. Serrat ía na última posición xa que non podía sentarse ben sobre a bicicleta, polo problema co sillín, e así foi cargando os cuádriceps.

A chegada á segunda transición foi complicada polo número de unidades e decisiva, pola rapidez no momento de facela. Mario Mola (campión do mundo nos tres últimos anos) tivo problemas e quedou bastante retrasado, mentres que Wilde (Nova Zelanda) foi rapidísimo e logrou poñerse en cabeza cunha distancia bastante cómoda. Antonio Serrat saíu da transición na posición 37, a 17 segundos de Wilde. Quedaban por diante 5 quilómetros e moitos triatletas dispostos a loitar. O líder tiraba con forza, mentres que por detrás Mario Mola comezaba a súa remontada e Alarza ía moi ben colocado. Serrat, coas pernas bastante cargadas, foi recuperando postos pouco a pouco, pero sen opcións de engancharse ás primeiras posicións.

A falta de dous quilómetros para meta, Mario logra poñerse en cabeza xunto ao británico Alex Yee e un agotado Wilde e parecía claro que a loita polo triunfo estaría entre os dous primeiros. Pero unha vez máis, Mola marcou un ritmo imposible de seguir no último quilómetro que lle permitiu chegar a meta na primeira posición cun tempo final de 51:50, con Lee na segunda posición e Fernando Alarza, tras superar a Wilde, terceiro. Por detrás, o galego Serrat logrou a 21ª posición, a 48 segundos de Mola.

As Series Mundiais de Tríatlon 2019 están formadas por nove probas que se disputarán en Abu Dhabi, Bermuda, Yokohama, Leeds, Nottingham, Montreal, Hamburgo, Edmonton e Lausanne (gran final). Mario Mola defende o título na categoría masculina e a británica Vicky Holland na feminina.

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...