ANTONIO SERRAT, DIEGO PAZ, CAMILA ALONSO E SARA GUERRERO, NA COPA DO MUNDO DE CAGLIARI  

5 de Maio de 2016

Fin de semana intenso a nivel internacional para as e os nosos deportistas. Na Copa do Mundo de Cagliari (Italia) contaremos coa presenza de Antonio Serrat, Diego Paz, Camila Alonso e Sara Guerrero, mentres que na Copa África de Larache participarán Carlos Brión, Iago Lorenzo, Luismi Velásquez e María Ortega.

Así, o domingo 8 de maio celebrarase a Copa do Mundo de Cagliari, que terá un gran nivel competitivo con deportistas moi destacados. Na proba masculina (12:30 horas) contaremos con Antonio Serrat, que chega nun doce momento despois do segundo posto acadado en Madrid onde realizou unha proba espectacular. Pero non terá unha tarefa sinxela en Italia, con contrincantes moi duros coma Fabian Alessandro, Raphael Aurelien ou o noruego Blummenfert (vencedor en Madrid). Xunto a el, o galego Diego Paz, que foi 33º en Madrid, e tentará estar cos mellores.

Na categoría feminina (10:30 horas) teremos a dúas participantes galegas: Camila Alonso (que foi quinta na Copa de Europa de Melilla) e Sara Guerrero forman parte da lista de saída xunto a 43 deportistas máis, con Carolina Routier entre as favoritas para loitar polo triunfo. As distancias son de 750 metros de natación, 18  quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe.

Larache. Pero hai máis. O sábado 7 de maio celebrarase a Copa África de Larache, tamén sobre a distancia sprint (750 metros de natación – 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe) e coa participación de varios galegos. Na proba feminina (15:30 horas) estará María Ortega, que ten algúns problemas na natación, por culpa dunhas molestias que non lle permiten adestrar ao máximo nivel.

Na categoría masculina (17:00 horas) contaremos con tres representantes do Centro Galego de Tecnificación Deportiva: Carlos Brión, Iago Lorenzo (dous grandes nadadores) e Luismi Velásquez.

 

 

Quizáis che interese…

Política de cookies

Este sitio web usa cookies para que lle poidamos ofrecer a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no seu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volve ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web lle resultan máis interesantes e útiles.