ANTONIO SERRAT E AS IRMÁS CAMILA E MELINA ALONSO DISPUTARÁN O CAMPIONATO DE EUROPA SUB 23 EN BANYOLES

23 de Xullo de 2015

Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) participarán esta fin de semana no Campionato de Europa sub 23 que se celebrará en Banyoles. Ademais, na categoría youth disputarase o Europeo de relevos coa presenza dos galegos Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) e Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol).

 

A competición comezará coa disputa do Campionato de Europa sub 23 o sábado 25. A proba feminina, coas galegas Camila e Melina Alonso, comezará ás 16:00 horas. Ambas deportistas atópanse nun momento de forma excepcional, tal e como amosaron a pasada fin de semana en Almazán (Soria), onde foron parte do equipo galego que se proclamou campión de España de Autonomías. Na proba feminina individual, Camila logrou o triunfo, mentres que Melina foi a segunda clasificada. Ambas tentarán facer un bo traballo no Europeo sub 23, onde hai 36 deportistas inscritas de 15 países europeos.

 

Na proba masculina (19:00 horas) contaremos coa participación do vigués Antonio Serrat, que logrou recuperarse para acudir a Banyoles, xa que a pasada fin de semana tiña un problema muscular intercostal que lle impediu facer unha boa competición en Almazán. Nsta proba están inscritos un total de 52 deportistas de máis de 20 países europeos. A proba sub 23 celebrarase sobre a distancia olímpica, polo que os deportistas terán que nadar 1.500 metros no lago de Banyoles, facer 40 quilómetros en bicicleta e correr 10 quilómetros.

 

O domingo 26 celebraranse as probas de relevos. A xornada comezará ás 09:00 horas coa disputa do Campionato de Europa de Tríatlon Youth, que se efectúa únicamente na modalidade de relevos (masculino e feminino). España presentará dous equipos en cada categoría e Galicia terá representación: Iria Rodríguez e Marcos Ruíz son os deportistas galegos convocados pola Federación Española de Tríatlon para o Europeo Youth.

 

A continuación (12:30 horas) celebrarase o Europeo de relevos sub 23, pero aínda non se coñecen os nomes dos deportistas que conformarán os equipos. Daranse a coñecer trala proba individual. En relevos as distancias serán de 300 metros de natación, 6,6 quilómetros de bicicleta e 1,6 de carreira a pe.

 

 

 

 

Quizáis che interese…