ANTONIO SERRAT, QUINTO NO CAMPIONATO DE EUROPA SUB 23 EN BANYOLES

25 de Xullo de 2015

Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) rematou nunha magnífica quinta posición no Campionato de Europa sub 23, que se celebrou hoxe en Banyoles. Na categoría feminina, frouxa actuación das nosas representantes.  Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) rematou na 27ª posición, mentres que Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) abandonou durante a bicicleta.

 

Na categoría masculina, Antonio Serrat logrou un estupendo quinto posto no Europeo sub 23. Ademais, esta boa actuación ten dobre mérito, porque o vigués non chegaba nas mellores condicións á proba, xa que a semana pasada sufriu un tirón muscular na zona intercostal, que lle impediu render a bo nivel no Campionato de España de Autonomías (xa non competiu na proba de relevos). Durante a semana as molestias foron remitindo polo que se animou a participar no Europeo. E de inicio as cousas non foron mal. O galego, que saíu da auga a uns trinta segundos dos primeiros, logrou remontar na bicicleta e entrar nun nutrido grupo cabeceiro. Así, chegou a T2 entre os mellores e iniciou a  carreira a pe loitando polo podio. Nos últimos quilómetros quedou un pouco descolgado e ao final, a loita polo ouro foi para David Castro e Marc Austin (Gran Bretaña), con vitoria para o español que desta forma se proclamou campión de Europa sub 23 cun tempo de 01:45:26. A medalla de prata foi para Austin (01:45:29) e o bronce para o italiano Stateff (01:45:45). Por detrás, nunha gran remontada, Nan Oliveiras logrou superar a Antonio e acadou a cuarta posición (01:46:14), mentres que o vigués foi quinto (01:46:17). Ao final notou estes últimos días sen poder adestrar.

 

A competición comezou coa proba feminina, na que Lucy Hall (Gran Bretaña) logrou o título de campioa de Europa sub 23. Magnífica actuación da británica que dominou dende o inicio. Saíu da auga na primeira posición, cuns 15 segundos de vantaxe e xa non abandonou en momento algún a primeira posición. Chegou a meta cun tempo de 01:59:15, mentres que a prata foi para a italiana Ilaria Zane (02:00:03) e o bronce para a portuguesa Melanie Santos (02:00:17). A primeira española en cruzar a liña de meta foi Anna Godoy na 11ª posición. As galegas non tiveron un bo día. Melina, que xa perdeu dous minutos na natación, foi sempre moi descolgada e so puido rematar na 27ª posición (02:13:04). Pola súa banda, Camila, que tamén quedou moi atrás dende o inicio, abandonou durante o segmento de bicicleta.

 

A proba sub 23 celebrouse sobre a distancia olímpica, polo que os deportistas tiveron que nadar 1.500 metros no lago de Banyoles, facer 40 quilómetros en bicicleta e correr 10 quilómetros.

www_triathlon_org_results_result_2015_banyoles_etu_triathlon

Mañá domingo 26 celebraranse as probas de relevos. A xornada comezará ás 09:00 horas coa disputa do Campionato de Europa de Tríatlon Youth, que se efectúa únicamente na modalidade de relevos (masculino e feminino). España presentará dous equipos en cada categoría e Galicia terá representación: Iria Rodríguez e Marcos Ruíz son os deportistas galegos convocados pola Federación Española de Tríatlon para o Europeo Youth. A continuación (12:30 horas) celebrarase o Europeo de relevos sub 23. En relevos as distancias serán de 300 metros de natación, 6,6 quilómetros de bicicleta e 1,6 de carreira a pe.

 

Quizáis che interese…

Challenge Mogán Gran Canaria

Challenge Mogán Gran Canaria

LoChallenge Mogán Gran Canaria Mañá sábado 24 de Abril, Pablo Dapena e Ivan Raña competirán cos millores triatletas de...