ANTONIO SERRAT, OITAVO NA COPA DO MUNDO DE TRÍATLON DE MADRID

28 de Maio de 2017

 Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) rematou nunha magnífica oitava posición na Copa do Mundo de Tríatlon de Madrid, sendo o mellor español da proba. O galego foi un dos grandes protagonistas da proba, xa que estivo sempre loitando polas primeiras posicións. Con este resultado, o vigués acadou a clasificación para o Campionato de Europa distancia sprint e distancia olímpica. Na proba feminina, Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) foi 14ª e tamén se clasificou para o Europeo Sprint.

O segmento de natación –a temperatura da auga estaba a 25 grados- foi moi duro, con moitos golpes, pero Serrat logrou saír no primeiro grupo formado por 28 triatletas, e así, na T-1, meteuse en cabeza de carreira. A bicicleta foi moi esixente e técnica, con esas subidas á Costa da Vega, e nas primeiras voltas o vigués estaba sempre nos primeiros postos, moi atento a posibles ataques. Pero a falta de dúas voltas, houbo un ataque e formouse en cabeza un grupo de cinco triatletas que logrou chegar á T-2 cunha distancia duns 20 segundos sobre Antonio que, na carreira a pe, pagou un pouco o esforzo da bicicleta e sufriu un pouco nestes dez duros quilómetros. Aínda así, e arroupado polo público que acompañou aos triatletas e de forma moi especial aos locais, Antonio logrou rematar nesa magnífico oitava posición, sendo o mellor dos triatletas españois presentes. Con este resultado, Antonio acada a clasificación para o Campionato de Europa Distancia Sprint e o Europeo de Distancia Olímpica.

Pola súa banda, Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) chegou a meta na 22ª posición. O galego sufriu moito na natación e perdeu uns 20 segundos, que significaron que non entrase no primeiro grupo de bicicleta e xa non puido enlazar coas primeiras posicións. O podio da Copa do Mundo de Madrid quedou formado por Ryan Sissons (Nova Zelanda) que foi o vencedor cun tempo de 01:53:00; a segunda posición foi para Raphael Montoya (01:53:08) e o bronce para Simón Viain (01:53:16).

Na carreira feminina, Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) rematou na 14ª posición, mentres que a súa irmá Melina foi 38ª. Na natación formouse un grupo en cabeza formado por especialistas no que se atopaban as españolas Carolina Routier e Sara Pérez. Camila entrou no segundo grupo, mentres que Melina e Joselyn xa estaban moi retrasadas e case sen opcións. Na bicicleta mantivéronse máis o menos as posicións e o primeiro grupo chegou á T-2 con 1:45 sobre Camila Alonso, que fixo unha gran carreira a pe para finalizar nunha moi digna 14ª posición. Con este resultado, a galega acadou a clasificación para o Campionato de Europa Sprint. Joselyn Brea non rematou a proba.

Resultados Madrid

Quizáis che interese…