ANTONIO SERRAT, PRATA, E UXÍO ABUÍN, BRONCE, NA COPA DE EUROPA DE MADRID

1 de Maio de 2016

Antonio Serrat e Uxío Abuín sumáronse á homenaxe que recibiu Iván Raña hoxe na Copa de Europa de Madrid, que se desenvolveu nun marco espectacular, co Palacio Real de fondo. Pero os galegos quixeron homenaxealo con resultados, amosando que el marcou o camiño correcto e que o tríatlon galego vai. Antonio Serrat logrou a medalla de prata, mentres que Uxío Abuín foi bronce. Ademais a sexta posición foi para Iván Raña, que sorprendeu a todos correndo descalzo. Tres galegos entre os seis primeiros da Copa de Europa.

Tras os 1.500 metros de natación, Jonas Breinlinger saíu na primeira posición co español Kevin Taek Viñuela, segundo. As distancias eran curtas e os deportistas ían saíndo a escasos segundos. Uxío Abuín, Alberto Castiñeira, Iván Raña e Antonio Serrat non estaban mal colocados.

Así, no segmento ciclista formouse un grupo cabeceiro, con triatletas como o noruegués Kristian Blummenfelt, ou os españois Raña, Uxio Abuin e Viñuela, ao que se sumaría  moi pronto Antonio Serrat. Desta forma, este grupillo de case dez deportistas estivo en cabeza durante as seis voltas ao circuíto que discorría polo centro de Madrid.

O grupo entrou na T2, onde se viviu un momento único. Iván Raña sorprendeu a todos ao non poñerse as zapatillas e así aforrou case dez segundos que lle permitiron saír en cabeza destacado da área de transición. Esta era a sorpresa que nos tiña preparado o veterán galego, que pouco puido facer cando o noruegués Blummenfelt e Antonio Serrat comezaron a empurrar e se colocaron en cabeza.

Parecía claro que a vitoria ía estar entre estes dous deportistas, ambos moi rápidos. Antonio aguantaba ben buscando o momento de atacarlle, pero Blummenfelt foi o que sorprendeu na terceira volta e o vigués non puido aguantar o ritmo. Así, triunfo para o noruegués (01:53:50), prata para Serrat (01:54:23) e bronce para Uxío Abuín que veu remontando dende atrás (01:54:54). Finalmente, Iván Raña acadou a sexta posición, recibido entre o cariño e admiración do público. Entre os seis primeiros clasificados, tres galegos.

Ao remate da proba, emotivo homenaxe para Iván Raña, que foi sorprendido con visitas de amigos e familiares, cun vídeo cos mellores momentos da súa carreira, un cadro, un trofeo… E sobre todo moito cariño e recoñecemento do tríatlon español que non deixou de dicirlle que “contigo comezou todo”.

 

www_triathlon_org_results_result_2016_madrid_etu_triathlon_e

 

 

Quizáis che interese…