ANTONIO SERRAT, PRATA NO EUROPEO JÚNIOR DE TRÍATLON EN KITZBÜHEL

22 de Xuño de 2014

Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) segue dando pasiños firmes na súa carreira deportiva. Hoxe logrou a medalla de prata no Campionato de Europa júnior de Tríatlon, en Kitzbühel (Austria), despois dunha loita fermosa co francés Raphael Montoya. O pasado ano foi sétimo e hoxe rozou o ouro cos dedos.

 O vigués fixo unha moi boa natación, normalmente o seu punto máis débil, e só perdeu un segundos co primeiro clasificado. Así, un grupo de uns trinta triatletas, con Serrat moi ben situado, liderou a carreira no inicio do segmento de bicicleta. Este sector estivo moi apertado, con moita xente en cabeza, ata que chegou a carreira a pe, na que se rompeu a proba. O grupo foi perdendo integrantes, pero con Serrat sempre ben colocado e sen perder o control. Desta forma, chegamos á segunda volta da carreira a pe con un grupo de catro triatletas entre os que se atopaba o galego, que loito ata o final polo triunfo.

 Ao final, título para Raphael Montoya (Francia) cun tempo de 57:43, mentres que Antonio Serrat entrou a só catro segundos e acadou a medalla de prata, tras unha carreira perfecta. O bronce foi para Maxime Hueber-Moosbrugger (Francia) cun  tempo de 57:53. Aleix Domenech ocupou a posición 16.

 

 

 

Quizáis che interese…