ANTONIO SERRAT, SUBCAMPIÓN NA COPA DO MUNDO DE WEIHAI

22 de Setembro de 2018

Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) logrou hoxe a prata na Copa do Mundo de Weihai (China), facendo unha proba excepcional e acadando o seu mellor posto nunha proba da Copa do Mundo. Pola súa banda, Uxío Abuín, que partía como defensor do título nesta proba, non puido rematar.

Serrat estivo ben colocado e atento durante toda a proba. Na natación saíu no primeiro grupo, con Dimitry Poliansky á cabeza. Na bicicleta formouse un grupo amplo de algo máis de 20 unidades, no que houbo varios intentos de escapada –Serrat tamén o tentou-, pero finalmente non callou ningunha delas e chegaron a segunda transición case xuntos.

No inicio da carreira a pe formouse un grupo de catro triatletas de moita calidade en cabeza, formado por Serrat, o británico Alex Yee, o noruegués Gustav Iden (vencedor da Copa do Mundo de Lausanne 2018, bronce na Serie Mundial de Bermuda este ano, noveno en Abu Dhabi) e o alemán  Lasse Lührs, que marcaban un ritmo endemoniado.

O galego sabía que tiña que aguantar o ritmo e estar atento a posibles escapadas e así o fixo. Ata que na última volta atacou o noruegués e Serrat non puido responder a este estirón, polo que Iden puido marcharse en solitario cara a liña de meta e vencer así cun tempo de 1:53:11.

Por detrás quedaba un trío que ía a loitar pola segunda posición e nos metros finais Serrat foi o máis rápido para acadar a segunda posición (1:53:26) por diante do británico Alex Yee (1:53:30), que destaca precisamente na súa faceta de corredor.

Pola súa banda, Uxío Abuín, abandonou o segmento da carreira a pe. O galego chegaba a esta proba con problemas nos isquios e nesta ocasión non aguantou máis.

A Copa do Mundo de Weihai dispútase sobre a distancia olímpica e nun circuíto bastante esixente, principalmente no sector de bicicleta, aínda que aos nosos deportistas parece que se lles da bastante ben, xa que o pasado ano Uxío gañou e Serrat foi bronce

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...