ESTA FIN DE SEMANA CELEBRARASE O VI DESAFÍO SANTANDER ILLAS CÍES

20 de Setembro de 2018

Esta fin de semana celebrarase en Vigo o VI Desafío Santander Illas Cíes, que será tamén campionato galego de media distancia, e o IV Acuatlón Desafío Illas Cíes, cunha participación excepcional. Ademais das probas deportivas haberá actividades para os máis pequenos facendo así un evento lúdico deportivo.

O programa de probas comezará o sábado 22 de setembro (16:15 horas) na praia do Vao coa disputa do IV Acuatlón de Menores Desafío Illas Cíes, no que están inscritos un total de 107 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. As distancias serán diferentes dependendo da categoría: En benxamín os rapaces deberán facer 100 metros de natación e 500 de carreira a pe; mentres que en alevín as distancias son de 200 de natación e 1.000 de carreira. Os infantís realizarán 400 metros de natación e 2.000 de carreira e as distancias para os cadetes serán de 500  e 3.000.

O domingo (a partir das 8:15 horas) terá lugar o VI Tríatlon Desafío Illas Cíes, no que están inscritos 425 deportistas. Na proba masculina destacan o gañador do pasado ano Cristóbal Dios (Tri-Penta Terras de Lugo, Diego Paz (Arcade Inforhouse), Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo), Ismael López (Cidade de Lugo Fluvial) ou Luis Alberto Paredes (Galaico Pontevedra) entre outros, mentres que na feminina non está inscrita a campioa dos dous últimos anos,  María Ortega (Bicicletas Pina-Tritoledo). Iso si contaremos con Sonia Pariente (Tríatlon Rías Baixas), Mónica Mezquita (NoSportLimit), Sara Castillo (TriNort) ou María Jesús Coya (Cidade de Lugo Fluvial).

As distancias nesta proba son 1,9 quilómetros de natación, 90 quilómetros de bicicleta (nun circuíto case chairo) e 21 de carreira a pe (do Vao á Samil), nun entorno privilexiado na ría de Vigo. A saída, transicións e meta estarán ubicadas na Praia do Vao.

2017. Na edición do pasado ano proclamáronse campións do V Tríatlon Desafío Illas Cíes María Ortega (Bicicletas Pina-Tri Toledo) e Cristóbal Dios (Tri-Penta Terras de Lugo), que xa venceran no ano 2016.

Quizáis che interese…