Aroa Freije rematou na 28ª posición do Mundial Youth de Péntatlon Moderno, que se está a celebrar en Bos Aires (Arxentina). A galega, cunha mala esgrima, afundiu as súas opcións de acadar un bo posto.
Comezou con bo pe, logrando o terceiro mellor tempo en natación das 36 participantes na final do Mundial. Así logrou sumar un total de 297 puntos, que lle permitían enfrontar a esgrima con máis tranquilidade. Pero non estivo fina nesta especialidade e só sumou 11 vitorias e 24 derrotas o que a arrastrou ao fondo da clasificación. Rematou na 31ª posición neste deporte o que lle fixo perder moitas posicións na clasificación xeral. Así, saiu a facer a combinada dende a 26ª posición cun total de 460 puntos. E a mala actuación en esgrima afectou sen dúbida algunha, á deportista galega, que fixo unha frouxa proba, rematando na 26ª posición e sumando 481 puntos.
Así, finalizou na 28ª posición do Mundial Youth de Péntatlon Moderno cun total de 943 puntos, menos dos acadados na fase de clasificación (981). A turca Ilke Ozyuksel proclamouse campioa do mundo con 1.065 puntos.
*Son resultados provisionais, collidos da páxina web da Federacion Internacional.