BADAJOZ ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR AUTONOMÍAS SÉNIOR E ESCOLAR

29 de Xuño de 2018

Badajoz acollerá esta fin de semana (30 de xuño e 1 de xullo) o Campionato de España de Tríatlon por Autonomías sénior e escolar, cita á que viaxa Galicia disposta a loitar polo podio, a pesar das baixas.

Como xa sucedera o pasado ano, a Federación Española de Tríatlon apostou por xuntar ambos campionatos nunha mesma fin de semana. O formato é o mesmo: Haberá proba masculina e feminina -a clasificación por equipos farase sumando o tempo dos catro mellores clasificados do equipo- e por relevos, e a clasificación final sae da suma destas tres probas.

Escolar. Os máis novos serán os primeiros en competir e neste caso os equipos están formados por catro deportistas. O sábado celébranse as probas feminina (09:00 horas) e masculina (10:00) e as distancias serán de 750 metros de natación, 10 quilómetros de ciclismo e 2,5 de carreira a pe.

O equipo feminino está formado por Elsa Pena (Cidade de Lugo Fluvial), Carla Guisande (Cidade de Lugo Fluvial), Nerea García (Náutico de Narón), Natalia Castro (Motobike Galaico), mentres que o masculino conta con Jorge González (Natación Riveira), Esteban Basanta (Cidade de Lugo Fluvial), Víctor Bouzón (Olímpico de Vedra) e Jorge Morado (Tríatlon Ferrol).

Falar de favoritos nestas idades é moi complicado, pero Galicia tentará competir a un bo nivel, xa que as e os rapaces están traballando moi ben, a pesar de que aínda son equipos moi novos e cun gran futuro. O técnico do CGTD, Jonathan Cancela, cree que ambas seleccións están capacitadas para loitar polo podio.

O domingo terá lugar a proba de relevos mixtos, na que participarán equipos formados por dous homes e dúas mulleres que realizarán un mini-tríatlon. Cada deportista terá que facer 250 metros de natación, 5 quilómetros de bicicleta e 1,6 de carreira a pe.

Sénior. Na categoría absoluta, a selección galega feminino estará formado por Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo), Iria Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial), Marta Barbeito (Náutico de Narón), Inés Castaño (Arcade Inforhouse), Ana María Santiso (Naútico de Narón) e Carla Castaño (Arcade Inforhouse).

A selección galega masculina quedou composta finalmente por Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), Martín Carrera (Natación Riveira), Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol), Ismael Viéitez (Tríatlon Arteixo), Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo) e Carlos Brión (Natación Riveira).

O campionato individual celebrarase o sábado sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 19,5 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe) e para a clasificación final se suman os postos dos catro mellores clasificados (cada equipo pode presentar un máximo de seis deportistas). A proba feminina comezará ás 11:00 horas, mentres que a masculina dará comezo ás 12.35 horas.

O domingo 1 de xullo terá lugar a proba de relevos mixta a partir das 11:30 horas. A autonomía que gane a xeral será a mellor da suma dos resultados das categorías masculina, feminina e relevos.

 2017. O pasado ano Galicia logrou dúas medallas neste campeonato. A selección galega feminina sénior acadou en Almansa (Albacete) a medalla de prata no Campionato de España de Tríatlon por Autonomías, mentres que en relevos mixtos foron bronces. No Escolar, cun equipo absolutamente renovado, non houbo medallas.

 

 

Quizáis che interese…