BRAIS CANOSA E JOSELYN BREA, CAMPIÓNS GALEGOS DE DUATLÓN

18 de Abril de 2015

Brais Canosa (Arcade Inforhouse) e Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) lograron hoxe a vitoria no XIII Duatlón Cidade de Santiago e proclamáronse campións galegos de duatlón.

brais canosa, galego duatlon 2015Non houbo grandes sorpresas no transcurso do galego, no que participaron máis de 170 deportistas nunha tarde sen chuvia, aínda que un pouco fría. Na categoría masculina, Brais Canosa, que defendía o título, liderou a proba dende o inicio. No primeiro segmento acadou o mellor tempo con Brais Misa e xuntos fixeron a bicicleta. Pero no tramo final deste segmento, Canosa logrou abrir un pequeno oco e así chegou á segunda transición cuns segundos de vantaxe que foron decisivos. Desta forma, o deportista do Arcade enfrontou os últimos 2.500 metros de carreira a pe en solitario, mentres que Brais Misa ía ser alcanzado por un grupo de seis deportistas que viña recortando distancias dende atrás.  Brais Canosa logrou a primeira posición cun tempo de 56:11, mentres que segundo foi Ismael López (Natación Ribeira) con 56:27 e terceiro foi Brais Misa (Atletismo Porriño) cun tempo final de 56:30.

A proba feminina foi unha carreira case individual para todas as participantes. Non se crearon grupos e houbo unha loita contra o crono de cada unha das participantes. Joselyn Brea e María Ortega (ambas do Tri-Penta Terras de Lugo) mandaban con Joselyn en cabeza e María preto, pero sen ir xuntas. E así, Brea chegou á T2 con certa vantaxe e marchou en solitario ata o final da proba, logrando aumentar de forma significativa as distancias. A vitoria foi para Brea cun tempo de 1:04:09, mentres que segunda foi María Ortega (1:05:23) e terceira Camila Alonso (Tríatlon Ferrol), cun tempo de 1:06:41, que tamén fixo unha contrarreloxo individual.

O resto dos campións en outras categorías foron:

  • Cadete: Mariña Ramos (GV Sport Club)
  • Júnior: Brais Otero (Arcade Inforhouse) e Sara Guerrero (Tríatlon Ferrol).
  • Sub 23: Ignacio Castro (Arcade Inforhouse) e Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo).
  • Veterán 1: Francisco Javier García (Monteabaixo) e Verónica Mon (Beariz Tríatlon).
  • Veterán 2:Andrés López (Monteabaixo)
  • Clubs: Arcade Inforhouse (masculino) e Tríatlon Ferrol (feminino).

O Galego de Duatlón celebrouse sobre a distancia sprint (5 quilómetros de carreira a pe, 18,5 de bicicleta e 2,5 de carreira a pe) nun circuíto esixente sobre todo na bicicleta. Con anterioridade, celebrouse unha carreira popular con preto de cen participantes.

Campións 2014. Brais Canosa (Arcade Inforhouse) e Aída Valiño (Cidade de Lugo Fluvial) proclamáronse o pasado ano campións galegos de Duatlón, no XII Duatlón Cidade de Santiago. Na proba masculina gañou o Duatlón Cidade de Santiago Alexis Rodríguez (Cidade de Lugo), que non é galego.

CLASIFICA DUA SANTIAGO 2015

CLASIFICA DUA SANTIAGO POPULAR 2015

 

Quizáis che interese…

Oleiros é Tríatlon

Oleiros é Tríatlon

[Actualizado 13:00 01 de Junio de 2021] Xa temos os gañadores e as clasificacións do Tríatlon de...