Aída Valiño regresou á competición e non puido ser de mellor forma: A galega logrou o triunfo no Tríatlon de Media Distancia de Elche, cunha actuación impresionante.
A lucense saiu da auga na segunda posición, a poucos segundos da primeira, a italiana Margi Santimaria. Na bicicleta, espectacular papel de Aída que logrou escaparse en solitario no quilómetro 9 e xa non abandonou ese posto ata o final. Chegou á T2 con máis de 6 minutos sobre a segunda e no terceiro segmento, foi controlando as distancias para chegar a meta cun tempo final de 4:20:35.
Este era o primeiro tríatlon que disputaba Aída dende que sufriu un atropelo mentres adestraba hai oito meses (xuño de 2014). Noraboa Aída!
Na categoría masculina, cuarta posición para Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo). O galego saíu da auga a moita distancia (2:30) e despois foi remontando na bicicleta e na carreira a pe, ata alcanzar esa cuarta posición, nunha proba dun altísimo nivel competitivo.
No Tríatlon de Media Distancia de Elche participaron un total de 1.200 deportistas de todo o mundo. As e os deportistas tiveron que facer 1.900 metros de natación na praia Arenales del Sol, 83 quilómetros de bicicleta e finalizaron con 21 quilómetros de carreira a pe.