CAMILA ALONSO E DIEGO PAZ PROCLAMÁRONSE EN RIVEIRA CAMPIÓNS GALEGOS DE TRÍATLON

10 de Xullo de 2016

Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) e Diego Paz (Arcade Inforhouse) proclamáronse hoxe campións galegos de tríatlon de distancia olímpica no transcurso do IV Tríatlon Concello de Riveira. Ademais tamén se celebrou o Galego de Duatlón Escolar Cadete con Salomé Calviño (A.D. Fogar) e Iván Puentes (Escola Javier Gómez Noya) como vencedores.
IMG-20160710-WA0007Na categoría feminina non houbo grandes sorpresas. Camila Alonso partía como unha das grandes favoritas e quixo cumprir co seu papel. Así liderou a proba xunto a súa irmá Melina dende a natación e xa non deixou esa posición ata o final da carreira, cando entrou en meta cun tempo final de 02:11:39. A segunda posición foi para Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) cun tempo de 02:12:54, quen fixo o mellor parcial na carreira a pe, pero perdera as súas opcións de acadar a vitoria no segmento de bicicleta. A terceira praza e medalla de bronce no galego recaeu en María Martínez (Atletismo Porriño) que arrastrou as consecuencias dunha mala natación, que a deixou moi lonxe das dúas primeiras triatletas.

Na proba masculina, houbo unha gran disputa polas primeiras posicións, aínda que de inicio o venezolano Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo) mandaba con facilidade. Así, foi o mellor na natación e na bicicleta, aínda que por detrás Diego Paz (Arcade Inforhouse), David Mendoza (Cidade de Lugo Fluvial) e Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial) non deixaban que as distancias fosen definitivas. Así, Velásquez chegou á segunda transición con case un minuto da vantaxe sobre este grupillo de perseguidores, pero non foi suficiente para manter esta primeira posición na carreira a pe. O mexicano do Cidade de Lugo Fluvial, David Mendoza, logrou alcanzar e superar a Luismi e confirmar así o triunfo no IV Tríaton Concello de Riveira cun tempo de 01:50:44, mentres que segundo fou Luismi Velásquez (01:51:04) e a terceira posición e o título de campión  galego foi para Diego Paz cun tempo final de 01:51:35, que revalidou o título.

O podio do Campionato Galego quedou formado por: Diego Paz (1º); Andrés Cendán (2º) e Alberto Castiñeira (3º).

Duatlón Escolar. Ao remate do IV Tríatlon Concello de Riveira celebrouse o Campionato Galego de Duatlón Escolar Cadete cos triunfos de Salomé Calviño (A.D. Fogar) e Iván Puentes (Escola Javier Gómez Noya). Os participantes tiveron que realizar 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta e 1 de carreira a pe. Na proba participaron 42 deportistas.

CLASIFICA TRIA RIVEIRA 2016

Clasificación Du escolar Riveira

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...