FERNANDO ALARZA, ANTONIO SERRAT, INÉS SANTIAGO E CARMEN GÓMEZ NA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS DE HAMBURGO

14 de Xullo de 2016

Fernando Alarza, Antonio Serrat, Inés Santiago e Carmen Gómez disputarán o sábado 16 de xullo a sétima proba das series mundiais de 2016, que se celebrará en Hamburgo. Xunto a eles en Hamburgo tamén estará o responsable do Grupo de Alto Rendemento do CGTD, Omar González. Nesta cita, que será a última do Mundial antes dos Xogos de Río, haberá unha grande presenza galega, coa sombra da lesión de Javi Gómez Noya moi presente no ambiente.

Fernando Alarza preséntase en Hamburgo como líder provisional do Mundial e co obxectivo de mellorar o quinto posto que ten como peor actuación nas series mundiais. Ademais terá como rival a Mario Mola, que tentará recuperar o liderato no mundial. Pola súa banda, Antonio Serrat enfronta a súa terceira proba das Series Mundiais e a primeira sobre a distancia sprint. O obxectivo do vigués e mellorar o resultado acadado en Estocolmo, onde foi 21º. A proba masculina comezará ás 18:40 horas e disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe).

Na proba feminina (día 16 de xullo, 16:35 horas), dúas xoves figuras do tríatlon galego. As júnior Inés Santiago e Carmen Gómez enfrontan a que será a súa primeira proba das Series Mundiais  coa máxima ilusión e ganas de facer un bo traballo e de sumar experiencia cara ao futuro. Inés e Carmen non teñen presión algunha e todo o que sexa rematar será bo, pero teñen calidade dabondo para facer unha gran proba.

As Series Mundiais de Tríatlon 2016 están formadas por nove probas que se disputan en Abu Dhabi (Emiratos), Gold Coast (Australia), Cidade do Cabo (Sudáfrica), Yokohama (O Xapón), Leeds (Gran Bretaña), Estocolmo (Suecia), Hamburgo (Alemaña), Edmonton (Canadá) e Cozumel (México).

Trala disputa da sexta proba do mundial, Alarza é líder provisional do Mundial con 3.345 puntos, por diante de Mario Mola (3.033 puntos) e terceiro é Jonathan Brownlee, con 2.905  puntos.

 

Quizáis che interese…