CARMEN GÓMEZ, QUINTA NO EUROPEO JÚNIOR DE TRÍATLON EN KITZBÜHEL

20 de Xuño de 2014

Impresionante actuación de Carmen Gómez no Campionato de Europa júnior de Tríatlon, que se disputou hoxe en Kitzbühel (Austria). A galega, que aínda é cadete, logrou a quinta posición, despois de estar toda a proba no grupo de cabeza. Non tiveron a mesma sorte as representantes galegas en elite feminina, xa que tanto Melina Alonso coma María Ortega non remataron a proba.

O Europeo comezou coa disputa da proba júnior feminina, sobre a distancia sprint (750 metros, 20 quilómetros e 5 quilómetros). Entre as inscritas, a pontevedresa Carmen Gómez, que acudía sen presión algunha. Gómez é aínda cadete, polo que este Europeo se presentaba coma unha oportunidade para aprender. E tanto que aprendeu, moito máis rápido do esperado.

A galega estivo ben dende o principio. Fixo unha magnífica natación no lago Schwarzsee (o seu punto forte), que lle permitiu saír da auga na cuarta posición e case pegada ás deportistas que ían por diante. Así, enfrontaron a saída da transición un grupo de dez triatletas que despois quedou reducido a oito integrantes. Pero sempre, entre elas, a nosa Carmen Gómez.

Así, chegaron á segunda transición ese grupo de oito deportistas, con Coldwell na primeira posición e Carmen, que fixo o mellor tempo neste sector, sexta. Comezou a carreira a pe a un ritmo moi forte, pero a galega non se rendeu, aínda que se formou un grupo de tres deportistas por diante, con uns 80 metros de distancia sobre Kristenssen e Gómez. E xa non houbo sorpresas: Triunfo para Laura Lindemann (Alemaña) que foi a máis rápida correndo, cun tempo de 01:03:14. Segunda foi Audrey Mirlo (Francia) e bronce, a tamén francesa Cassandre Beaugrand. Carmen chegou nunha espectacular quinta posición (01:04:42), que sabe a gloria. Foi a primeira española e cunha vantaxe moi ampla: Cecilia Santamaría foi 17ª e Marta Sánchez, 38ª.

Na proba de elite, as noticias non foron positivas para as galegas. Melina Alonso e María Ortega abandonaron por hipotermia no segmento de ciclismo, que estivo marcado polo choiva.

Mañá. O sábado 21 de xuño será o momento da celebración das probas masculinas e do paratriatlon. A máis madrugadora será Susana Rodríguez, xa que comezará ás 08:00 horas. Susana Rodríguez (con Mayalen Noriega coma guía) competirá en PT5 (deportistas con deficiencias visuais) unha vez solucionado o problema que a deixaba fóra do Europeo (por un despiste na inscrición por parte da Federación Española). A viguesa ten a ilusión de logralo título, como xa fixo no Campionato do Mundo de Duatlón de Pontevedra hai unhas semanas.

Posteriormente, ás 13:00 horas, comezará a proba júnior masculina, co vigués Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) disposto a loitar polos primeiros postos. O pasado ano foi sétimo no Europeo e agora, cun ano máis de experiencia, tentará loitar polo podio. En total, sairán a competir 75 deportistas.

Ás 15:00 horas será o momento dos deportistas seniors. Entre os participantes destaca a figura de Alistair Brownlee, que esta tempada comezou a competir a mediados de maio, por culpa dunha lesión. Pero non están inscritos Gómez Noya ou Mario Mola, centrados nas probas das Series Mundiais, xa que está en xogo o título de campión do mundo. Na loita polo Europeo contaremos cos “galegos” Fernando Alarza (subcampión do mundo sub 23) e Ricardo Hernández, con ganas de facer algo importante, nunha lista de 73 participantes.

E o campionato de Europa rematará o domingo 22 cos grupos de idade (distancia standard) e as probas de relevos júnior (13:00 horas) e sénior (15:30 horas). Os equipos están formados por catro deportistas (dous homes e dúas mulleres) que realizarán un mini-tríatlon. Os integrantes dos relevos non se coñecerán ata o día anterior pola tarde, despois de saber como remataron as probas individuais.

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...