Case 300 deportistas participarán no Campionato galego de Dúatlon e Paradúatlon en Narón

11 de Abril de 2018

Narón acollerá este sábado, día 14, o Campionato Galego de Dúatlon e Paradúatlon de élite. O concelleiro de Deportes, Román Romero, o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, e Francisco Villanueva, representante da Federación Galega e Española de Tríatlon, presentaron onte martes 10 de abril o  evento, organizado polo Concello de Narón, a citada agrupación deportiva local e a Federación Galega de Tríatlon. En total participarán preto de 300 deportistas, de máis de vinte e cinco clubes de Galicia, nas diferentes probas deseñadas.

Os circuítos organizáronse –nas inmediacións do clube de pádel de Río do Pozo- “moi rápidos, para fomentar o espectáculo da proba e tendo en conta en todo momento a seguridade dos deportistas”, apuntou Guerrero. Entre os inscritos favoritos ao título están, apuntou, o naronés Brais Canosa (Arcade Inforhouse), Brais Misa (Atletismo Porriño), Ismael Viéitez (Tríatlon Arteixo), Martín Carrera (Náutico de Ribeira), Xacobo Grego (Olímpico Vedra) e os locais Carlos Bouza, Brais Cupeiro (TriNáutico Narón), Juan Rejas e Eduardo Saavedra (Tríatlon Ferrol).

Na categoría feminina tamén haberá un altímismo nivel, tal e como destacou Amando Guerrero, confirmada a presencia das irmáns  Brea, Josely e Edymar (Tri-Penta Terras de Lugo) -veñen de disputar estas dúas últimas o campionato de España da modalidade, finalizando en primeira e quinta posición respectivamente-, “polo que a loita será por saber quen as acompaña no caixón”, asegurou. Entre as candidatas atópanse Carla Castaño (Arcade Inforhouse Santiago), Carla Guisande (Cidade de Lugo Fluvial de Lugo), que o pasado sábado en Avilés proclamouse campiona de España Cadete, e as locais Belén Nieto e Noelia Serantes (TriNáutico Narón).

Na programación deste evento deportivo atópase tamén o Campionato galego de Paradúatlon, que dará comezo ás 14.15 horas, e no que participarán Aaron Ortiz (Pontevedra) e Ángel López (Enki). Desde a organización indicaron que se espera que chegue a tempo a clasificación funcional de Álvaro Illobre, para tomar parte na proba representando ao Náutico de Narón, no que será unha nova andaina deportiva de Illobre. Disputarase tamén unha proba popular a partir das 15.45 horas, aberta á participación, co obxectivo de fomentar esta disciplina e dirixida a deportistas federados e con licencia dun día especial para a proba, explicou Guerrero.

Así mesmo, desenvolverase a partir das 15.30 horas unha proba de promoción non competitiva para prebenxamíns; ás 17.00 horas terá lugar o Campionato galego feminino e ás 18.30 comezará o da categoría masculina. Amando Guerrero, invita á cidadanía en xeral a presenciar “unha proba de altísimo nivel, porque Galicia é unha potencia a nivel nacional e así o demostra a participación de varios recentes campións de España”.

O representante da Federación Galega de Tríatlon, Francisco Villanueva, destacou o traballo do Náutico de Narón e a súa capacidade á hora de organizar eventos deportivos na cidade. “Consideramos que Narón é un enclave importantísimo para este deporte, donde hai case vinte anos tiveron lugar as primeiras probas de dúatlon e tríatlon e donde hai tan só uns meses celebramos unha importante gala”, recordou. Así mesmo, Villanueva destacou que o vindeiro sábado será “unha gran xornada deportiva”.

Finalmente, o concelleiro de Deportes valorou o feito de que se disputen na cidade estes dous campionatos galegos e o traballo da Agrupación Deportiva Náutico de Narón “que case unha vez ao mes propón a celebración dun evento deportivo e que sempre se celebran con moito éxito”. Romero, que animou á veciñanza a presenciar estes campionatos autonómicos, avanzou que proximamente se dará un primeiro paso para tratar de organizar en Narón o Campionato de España de dúatlon por equipos, “un evento que estariamos encantados de poder celebrar na nosa cidade”, subliñou o edil naronés.

Quizáis che interese…