CASE CATROCENTOS PARTICIPANTES NO TRÍATLON CIDADE DE PONTEVEDRA, QUE SE CELEBRA O 27 DE AGOSTO

25 de Agosto de 2016

Pontevedra acolle este sábado 27 de agosto o XVI Tríatlon Cidade de Pontevedra, que é ademais Campionato Galego de Tríatlon 2016. A organización dispuxo un importante número de probas ao longo de toda a tarde o que significará que case 400 deportistas estarán facendo tríatlon este día na capital do Lérez.

O programa comezará ás 15:15 horas coa celebración do Nada e Corre para as categorías benxamín e alevín (non competitivo) no que están inscritos 23 nenos e nenas que terán que facer 150 metros de natación e 500 de carreira a pe. Tamén haberá dúas probas popular: Ás 15:30 horas comezará a proba minisprint (300 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2,5 de carreira a pe) con 83 participantes e posteriormente (16:30 horas) a popular sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe) con 160 triatletas.

O Campionato Galego feminino (18:10 horas) contará cunha interesante participación, xa que entre as deportistas inscritas figuran Melina Alonso (Tríatlon Ferrol), que é a actual campioa galega; Marta Barbeito (A.D. Fogar); Camila Alonso (Tríatlon Ferrol); Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) ou a súa irmá Beatriz (Motobike Galaico), nadadora olímpica que este verán está competindo en algún tríatlon. Ademais, a paratriatleta viguesa Susana Rodríguez utilizará esta proba como un test e cara aos Xogos Paralímpicos de Río, que xa están moi preto.

A proba masculina comezará ás 19:10 horas e tamén terá unha destacada participación, con Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) defendendo o título do 2015. Enfrontase a Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse), Miguel Ángel Acosta (Cidade de Lugo Fluvial), Alejandro Álvarez (Cidade de Lugo Fluvial) ou  Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo), entre outros.

O Galego disputarase sobre a distancia sprint e a proba celebrarase na contorna da Ponte dos Tirantes, polo que será sinxela de seguir polo público que queira animar aos participantes. Para poder participar nesta proba os participantes tiveron que lograr a clasificación nas diferentes probas que conforman o circuíto galego de tríatlon de estrada.

2015. Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse en Lugo campións galegos de tríatlon 2015.

Quizáis che interese…