Cinco galegos participarán esta fin de semana no Campionato de Europa de Tríatlon, que se disputará en Alanya (Turquía). Iso si, hai que destacar a ausencia de Gómez Noya, actual campión de Europa, que non defenderá o seu título. Os representantes galegos no Europeo serán: Uxío Abuín e Jesús Gomar (sénior); Antonio Serrat e Diana Cotón (xúnior) e Susana Rodríguez (paratri).
O Campionato de Europa na categoría elite disputarase sobre a distancia olímpica e a natación celebrarase na praia. Os deportistas terán que nadar 1.500 metros, facer 40 quilómetros en bicicleta e correr 10 quilómetros, mentres que en xúnior e paratriatlon a distancia será sprint (750 metros-20 quilómetros e 5 quilómetros). En relevos as distancias serán de 300 metros de natación, 3,2 quilómetros de bicicleta e 1,3 de carreira a pe. En total participarán 1.200 deportistas en todas as probas previstas ao longo de tres días de competición.
Probas femininas. O venres 14 celebraranse as probas femininas, tanto na categoría xúnior coma sénior. As primeiras en competir serán as máis novas (13:00 horas) coa presenza da galega Diana Cotón entre as sesenta inscritas. A proba de elite comezará ás 16 horas, sen representante galega. A española Ainhoa Murúa parte coma unha das favoritas.
Masculinas. O sábado será o momento da celebración das probas masculina. Ás 12:00 horas comezará a xúnior, co vigués Antonio Serrat disposto a facer un bo papel a pesar da alta competencia (80 inscritos) e o gran nivel deportivo. Ás 15:00 horas comezará a proba de elite. Ante as ausencias de Gómez Noya e os irmáns Brownlee a proba preséntase moi aberta. Aí contaremos coa participación de Uxío Abuín e de Jesús Gomar, que tentarán aproveitar a ausencia dun líder claro para colocarse entre os mellores, onde seguro que estarán tamén Iván Vasiliev (bronce o pasado ano) ou Mario Mola.
O domingo, relevos e paratriatlon. O domingo 16 ten no calendario a celebración das probas de relevos xúnior (8:00 horas) e sénior (10:00 horas), así coma o paratri (13:00 horas). Nos relevos non se coñecerán os integrantes dos equipos ata o día anterior, polo que non podemos saber se haberá representantes galegos, pero onde si contamos cunha galega é no paratri. Susana Rodríguez (con Mayalen Noriega coma guía) tentará repetir o éxito acadado hai menos dun ano no Campionato do Mundo, onde logrou o título.