COMEZA O PROGRAMA NADA E CORRE DO 2018 COAS PROBAS DE NARÓN E RIVEIRA

18 de Xaneiro de 2018

Nunha fin de semana de estreas este domingo 21 de xaneiro tamén dará comezo o programa Nada e Corre 2018, coas probas zonais de Narón e Riveira e máis de 420 deportistas en acción.

O Nada e Corre de Riveira (zona II) contará coa participación de 210 nenos e nenas das categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete. A proba de natación comezará ás 10:00 horas e desenvolverase na piscina da Fieiteira. A carreira a pe disputarase nas pistas de atletismo a partires das 12:00 horas.

O Nada e Corre de Narón (zona I) tamén terá lugar o domingo a partir das 10:00 horas no Complexo Deportivo de Gándara coa participación de máis de 210 deportistas.

O programa Nada e Corre da presente tempada, que se desenvolve entre os meses de decembro e febreiro, está formado por catro probas clasificatorias zonais (Narón, Riveira, Vigo e Carballo) e unha final. A final aínda non ten data  e para a mesma clasificaranse os catro primeiros deportistas por categoría e sexo de cada proba zonal.

As distancias a realizar dependerán das categorías:

  • Prebenxamín: 25 metros de natación e 250 de carreira a pe.
  • Benxamín: 50 metros de natación e 500 de carreira a pe.
  • Alevín: 100 metros natación e 500 carreira a pe.
  • Infantil: 200 metros natación e 1.000 carreira a pe.
  • Cadete: 400 metros natación e 2.000 carreira a pe.

Este programa, que comezou no 2012 promovido pola Federación Galega de Tríatlon, está dedicado ás categorías menores e ten como obxecto traballar en inverno a natación, de forma moi especial, e a carreira, aspectos considerados fundamentais nestas idades polos técnicos.

 

Quizáis che interese…