O DÚATLON CROSS DE BEARIZ ABRE A TEMPADA O SÁBADO 20 DE XANEIRO 

18 de Xaneiro de 2018

Chegou o momento. Comeza a tempada e farao coa celebración da primeira proba do circuíto galego de dúatlon cross. O sábado 20 de xaneiro (16:00 horas) terá lugar o X Dúatlon Cross Concello de Beariz, no que están inscritos máis de 70 deportistas.

A proba celebrarase sobre a distancia sprint, polo que as e os participantes deberán realizar 6 quilómetros de carreira a pe, 21 en bicicleta de montaña e rematarán con 2,5 quilómetros a pe. A saída, meta e transición estarán ubicadas nos anexos do pavillón municipal de Beariz (xunto ao CEIP de Beariz).

En 2017, Lara Lois (licenza dun día) e David Calzas (Tríatlon Costa da Morte) proclamáronse vencedores do IX Dúatlon Cross Concello de Beariz. Nos inicios de tempada resulta moi complexo falar de favoritos, pero si podemos destacar na categoría feminina (con moi poucas participantes) nomes coma os de Silvia Deira (Olímpico de Vedra), Miriam Iglesias (Asociación Deportiva Media Ducia) ou María José Martínez, con licenza da federación galega de ciclismo, en virtude do acordo asinado por ambas federacións para favorecer a presenza dos seus federados en algunhas das probas da outra federación a un custe moi inferior.

Na categoría masculina, David Calzas defende a vitoria do pasado ano, fronte a homes coma os locais Pablo Caride, Alejandro Crespo ou Rubén Estévez (Lamargha-Beariz Tríatlon), Javier Fernández (Tríatlon Vilagarcía), Marcos Mayo ou Javier Rodríguez (Tríatlon o Treito), entre outros moitos outros.

O Circuíto Galego de Duatlón Cross de 2018 está formado por dúas probas: Beariz e Maside. Haberá clasificación xeral individual (masculina e feminina), júnior (m/f), veterán (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto.

Quizáis che interese…

Oleiros é Tríatlon

Oleiros é Tríatlon

[Actualizado 13:00 01 de Junio de 2021] Xa temos os gañadores e as clasificacións do Tríatlon de...