CRISTINA TORRES E MANUEL ÁNGEL PENAS, GAÑADORES DO XI DÚATLON DE GUITIRIZ   

11 de Febreiro de 2017

Cristina Torres (Mar de Vigo) e Manuel Ángel Penas (Tríatlon Arteixo) proclamáronse hoxe vencedores do XI Dúatlon Concello de Guitiriz, no que participaron case douscentos deportistas. Coa proba de Guitiriz comezou o Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2017, que está formado por cinco probas.

Cristina Torres, entrando en meta.

Cristina Torres, entrando en meta.

Na categoría feminina repetiu triunfo Cristina Torres, vencedora no 2016. A duatleta do Mar de Vigo rematou o primeiro segmento na terceira posición a 30 segundos da primeira, Margarita Villaverde (GV Sports). Pero na bicicleta, Torres foi a mellor e logrou poñerse en cabeza e xa non abandonou esta posición. Así entrou en meta cun tempo de 01:15:07, mentres que segunda foi a cadete Irene Mera (Náutico de Narón) a case dous minutos de distancia (01:17:04) e terceira, Ana María Santiso (Náutico de Narón) cun tempo de 01:17:22.

Na categoría masculina a vitoria tivo que decidirse nos últimos metros entre Manuel Ángel Penas e Alberto Castiñeira, ambos do Tríatlon Arteixo, con triunfo final para o máis veterán. Precisamente Penas foi o máis rápido no primeiro segmento, pero na bicicleta Alberto Castiñeira logrou alcanzalo e así disputaron xuntos o triunfo. Mentres por detrás, varios homes (Iván Puentes, Manuel Dosil, Jacobo Crego ou Aitor Franco, entre outros) loitaban polo bronce. Así, ao final o triunfo foi para Manuel Penas (58:30), mentres que segundo foi o seu compañeiro de club, Alberto Castiñeira (58:40) e a terceira praza foi ocupada por Iván Puentes (Tríatlon Ferrol) cun tempo de 59:21.

O Dúatlon de Guitiriz celebrouse sobre a distancia sprint, polo que os deportistas tiveron que facer 5 quilómetros a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 de carreira a pe.

Os gañadores doutras categorías foron:

  • Cadete: Irene Mera (Náutico de Narón) e Miguel Benavent (Tríatlon Oleiros)
  • Júnior: Cristina Torres (Mar de Vigo) e Iván Puentes (Tríatlon Ferrol)
  • Sub 23: Ana María Santiso (Náutico de Narón) e Alberto Castiñeira (Tríatlon Arteixo)
  • Veteráns 1: Marta Otero (FEFEME Tríatlon do Miño) e Manuel Ángel Penas (Tríatlon Arteixo)
  • Veteráns 2: Belén Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) e Ricardo García (Tríatlon O Bierzo)
  • Clubs: Náutico de Narón (feminino) e Tríatlon Arteixo (masculino).

O Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2017 está formado por cinco   probas: Guitiriz, Cidade de Lugo, Riveira, Santiago e Arteixo. Está en  xogo a clasificación para o Galego de Dúatlon, que se celebrará en Vigo o 9 de abril.

 

 

 

Quizáis che interese…

Oleiros é Tríatlon

Oleiros é Tríatlon

[Actualizado 13:00 01 de Junio de 2021] Xa temos os gañadores e as clasificacións do Tríatlon de...