CRISTÓBAL DIOS E SONIA PARIENTE, CAMPIÓNS GALEGOS DE TRÍATLON DE MEDIA DISTANCIA

21 de Maio de 2017

Cristóbal Dios (Tri-Penta Terras de Lugo) e Sonia Pariente (Tríatlon Rías Baixas) proclamáronse hoxe campións galegos de tríatlon de media distancia, ao vencer no II 113 Swim Ride Run de Sanxenxo. Ademais tamén se celebrou un tríatlon olímpico e en total participaron uns 250 deportistas nun día completo de tríatlon.

Na categoría masculina, comezou liderando a proba na natación Ismael López (Tríatlon Vilagarcía) cun tempo de 24.37. A dous minutos e medio saía da auga Cristóbal Dios (Tri-Penta Terras de Lugo) que comezou unha remontada espectacular na bicicleta, nun percorrido técnico e duro. Cristóbal logrou colocarse na primeira posición e cunha cómoda distancia, pero non se relaxou en absoluto e na carreira a pe aínda aumentou a distancia. Así o triunfo e o título galego foi para Cristóbal Dios cun tempo de 4:16:21, con Luis Alberto Paredes (Motobike Galaico) na segunda posición (4:26:05) despois dunha gran remontada. O terceiro posto foi para Ismael López (4:33:17).

WhatsApp Image 2017-05-21 at 13.16.56Na categoría feminina, absoluta superioridade de Sonia Pariente, que defendía o triunfo do pasado ano. A triatleta do Rías Baixas non tivo rivais nunha proba na que loitou contra si mesma. Así, chegou a meta na primeira posición cun tempo de 5:00:33, mentres que segunda foi María Jesús Coya (Cidade de Lugo Fluvial) cun tempo de 5:23:58 e bronce para Mónica Alarcón (NoSportLimit).

No 113 Swim Ride Run os máis de 150 participantes realizaron 1.900 metros de natación na praia de Silgar; 90 quilómetros de ciclismo (con continúas subidas e baixadas) e remataron con 21 quilómetros de carreira a pe.

No tríatlon olímpico, cuns 100 deportistas inscritos, os vencedores foron Miguel Ángel Acosta (Cidade de Lugo Fluvial) cun tempo de 2:20:13 e Iria Campos, do Artrogal Tri-498, que parou o crono en 02:54:05.

 

 

 

 

Quizáis che interese…