Damián Suárez, subcampión do mundo de ácuatlon

28 de Xuño de 2025

O galego logra tamén o ouro en categoría júnior nunha xornada de éxitos para España e Hungría en Pontevedra

A penúltima xornada do Mundial Multideporte deixou este venres momentos inesquecibles na meta do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, onde se disputaron as finais do Campionato do Mundo de Ácuatlon con grandes emocións e un altísimo nivel competitivo.

En categoría feminina, a bielorrusa Hanna Maksimava, competindo baixo bandeira neutral, asinou unha espectacular remontada na carreira a pé (5 km) tras o segmento de natación no Lérez (1.000 m), logrando a vitoria cun tempo de 32:57. A tan só seis segundos cruzou a meta a española Mariña Muñoz, que sumou unha nova medalla de prata ao seu excelente Mundial, tras a obtida tamén no tríatlon cros. O podio completouno a húngara Jázmin Kropkó, irmá do vencedor masculino, quen ademais se levou o ouro en categoría júnior. A española Lucía Castelló foi segunda na categoría júnior e sexta da clasificación absoluta, mentres que Elsa Peña acadou o bronce sub 23.

Na proba masculina, o húngaro Márton Kropkó marcou o ritmo desde o inicio, liderando xa na natación e mantendo a vantaxe ata a meta cun tempo final de 28:15. A pesar de competir como sub 23, conquistou un brillante dobre ouro (élite e sub 23). O español Damián Suárez, nunha actuación memorable, cruzou a meta tan só cinco segundos despois para lograr a prata na categoría absoluta e proclamarse campión do mundo júnior, levando así dous metais nun mesmo día. O británico Christopher Perham completou o podio.

O tamén español Kevin Tarek Viñuela, que defendía o título mundial, foi cuarto tras loitar polas medallas ata o final. Pola súa banda, Julen Andueza foi quinto da xeral e prata en sub 23, mentres que o xove Lucas Riola acadou o segundo posto na categoría júnior e foi oitavo absoluto.

O Mundial Multideporte de Pontevedra 2025, organizado pola Federación Española de Tríatlon, World Triathlon e o Concello de Pontevedra, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, consolida así á cidade como capital internacional do tríatlon. Logo de acoller o Mundial en 2019 e a Gran Final das Series Mundiais en 2023, Pontevedra xa mira cara ao futuro como sede da final das Series Mundiais de 2026.

Quizáis che interese…

Acuatlón Castrelo do Miño

Acuatlón Castrelo do Miño

O pasado fin de semana celebrouse a Copa Deputación Ourense de Acuatlón - Acuatlón Castrelo de...

Política de cookies

Este sitio web usa cookies para que lle poidamos ofrecer a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no seu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volve ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web lle resultan máis interesantes e útiles.