Diego Paz (Arcade Inforhouse) e Rita María Lopes (Amiciclo) proclamáronse hoxe campións a nivel individual do IX Tríatlon da Amizade, que se celebrou entre Galicia e Portugal, este ano con final en Goián (Tomiño). O Trofeo da Amizade foi parar a mans de Portugal por terceiro ano consecutivo, trala suma dos tres mellores resultados (dous homes e unha muller). Conxuntamente celebrouse o Campionato Galego de Tríatlon Cross, resultando campións galegos desta especialidade Diego Paz (Arcade) e María Martínez (Atletismo Porriño).
Campionato Galego de Tríatlon Cross. A organización fixo coincidir o Tríatlon da Amizade co Galego de Tríatlon Cross. Así, Diego Paz (Arcade) logrou o título de campión galego cun tempo de 1:14:15. A segunda posición foi para Álvaro Gómez (Artrogal-Tri 498) e Fabián Ubeira (Asociación Deportiva CAR). Na categoría feminina, triunfo para María Martínez, do Atletismo Porriño, por diante de Blanca Labandeira do Mar de Vigo. Na categoría de clubs, vitoria do Atletismo Porriño.
Coma nas edicións anteriores, a participación é moi numerosa (máis de 150 participantes en todas as categorías) e seguida por moito público. A proba, que se disputou na distancia sprint, iniciouse e rematou en Goián.