Diego Paz (Arcade Inforhouse) e Zuriñe Rodríguez (Naútico de Narón) proclamáronse hoxe vencedores do Tríatlon Cidade da Coruña, clasificatorio o Campionato de España. Foi unha mañá chega de competicións (unha proba de menores e un tríatlon popular) que rematou coa proba elite, que era ademais clasificatorio para o Campionato de España.
Na proba masculina proclamouse vencedor Diego Paz (Arcade Inforhouse) nun emocionante final con Alberto Castiñeira (Tríatlon Arteixo) que se decidiu no sprint e na foto finish (57:27). Durante a bicicleta formouse un primeiro grupo moi importante no que estaban todos os triatletas destacados, que foi perdendo unidades ata que a T-2 chegou un grupo de uns 12 deportistas. Xa na saída da transición, Diego Paz e Alberto Castiñeira atacaron e lograron deixar atrás ao resto e quedou claro que o triunfo era cousa de dous. Ao final, chegaron a liña de meta xuntos e nun emocionante final, logrou o triunfo Paz. A terceira posición foi para Víctor Benages (Huracán) que fóra o máis rápido na natación.
Na categoría feminina, triunfo incontestable de Zuriñe Rodríguez (Náutico de Narón) que foi a mellor nos tres segmentos (1:07:47). A segunda posición foi para a súa compañeira de club, Ana María Santiso, que tamén fixo a proba en solitario nesta segunda posición (1:09:34). E o terceiro chanzo do podio foi para Carla Castaño (Arcade Inforhouse), que tamén foi a máis regular, aínda que na carreira a pe baixou un pouco e permitiu que lle recortarán distancia (1:12:13).
Na proba popular masculina, con case 200 participantes, proclamouse vencedor o cadete Manuel Simón (Natación Liceo), que fixo un gran traballo (01:03:27). A segunda posición foi para Alejandro Balsa (Tríatlon Coruña) e a terceira para Manuel Domingo Dosil (Olímpico de Vedra). Na categoría feminina, o triunfo foi para Lorena Díaz (Natación Liceo), mentres que segunda foi Emma Romeo (Tríatlon Ferrol) e terceira, Noelia Gómez (Motobike Galaico).
As distancias eran de 750 metros de natación, 20,4 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira a pe. O “máis” importante de hoxe era testar un novo Circuíto na Coruña, para facer o próximo ano o Campionato de España de Tríatlon de distancia Olímpica e nese sentido a proba de hoxe foi un éxito absoluto. Será a primeira vez que ese Campionato se faga na Coruña e virán preto dos 2.000 participantes, entre eles, a elite do tríatlon español.
Circuíto menores. Tamén se celebrou unha proba de menores coa participación de case 250 rapaces e rapazas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete.
Os vencedores das diferentes categorías foron:
- Benxamín: Lucas García (Talleres David Tríatlon Compostela) e Rebeca Teijeiro (Tríatlon Ferrol)
- Alevín: Brais Picón (Arcade Inforhouse) e Sabela Caneiro (Tríatlon Ferrol)
- Infantil: Alexandre Álvarez (Natación Pabellón Ourense) e Carla Guisande (Cidade de Lugo Fluvial)
- Cadete: Juan Rejas (Tríatlon Ferrol) e Noelia Serantes (Náutico de Narón)