DOBRETE DE GALICIA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR AUTONOMÍAS NAS CATEGORÍAS ELITE E ESCOLAR

1 de Xullo de 2018

Galicia fixo hoxe dobrete no Campionato de España de Tríatlon por Autonomías elite e escolar, que se celebrou en Badajoz. As seleccións galegas venceron hoxe na proba de relevos mixtos e confirmaron así o título en ambas categorías. Xornada perfecta para as e os deportistas da Federación Galega de Tríaton.

Elite. O combinado galego necesitaba gañar para lograr o título tralos resultados de onte (vitoria do equipo feminino e sexto posto do masculino). Así, o equipo de relevos mixtos, coa ausencia de Antonio Serrat pola caída de onte, estaba formado por Iria Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo), Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo), Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Martín Carrera (Natación Riveira).

O primeiro relevo foi para Iria Rodríguez, que saíu da auga na primeira posición, formou parte do primeiro grupo da bicicleta e deu o pase a Luismi na cuarta posición. Velásquez fixo un moi bo relevo e logrou entregar na segunda posición a Joselyn Brea, que foi decisiva. A venezolana afincada en Galicia dende hai varios anos fixo un mini-triatlon espectacular e logrou entregar a Martín Carrera na primeira posición e con case un minuto de vantaxe sobre o segundo clasificado. Así, Carrera certificou a vitoria e entrou en solitario en meta con unha ampla vantaxe, onde foi recibido ao grande polos seus compañeiros de selección.

Escolar. A selección galega escolar logrou proclamarase campioa de España cunha enorme superioridade. Galicia venceu na proba feminina e nos relevos mixtos, e ademais foi segunda na proba masculina. Desta forma, as e os nosos rapaces acadaron o título de campións de España.

Hoxe disputouse a proba de relevos mixtos, na que Galicia participou con dous equipos (A e B). Cada equipo está formador por dous homes e dúas mulleres que realizarán un mini-tríatlon (250 metros de natación, 5 quilómetros de bicicleta e 1,6 de carreira a pe). O equipo A estaba formado por Elsa Pena, Jorge González, Carla Guisande e Esteban Basanta, os mellores clasificados do día anterior. E renderon ao máximo. O equipo B estaba composto por Nerea García, Jorge Morado, Natalia Castro e Víctor Bouzón.

Elsa Pena fixo o primeiro relevo e entregou na primeira posición, abrindo as distancias na carreira a pe (o equipo B de Galicia, con Nerea García foi a segunda). Jorge González (equipo A) e Jorge Morado (Galicia B) agrupáronse no segmento de ciclismo, pero foron cazados por Valencia e Madrid xusto ao final, e González cedeu uns segundos no tramo final. Pola súa banda, o equipo B quedou na loita pola cuarta e quinta posición.

Carla Guisande limou distancias na primeira parte da natación e logrou soltar primeiro á madrileña e despois a valenciana. E a partir de aquí, marchou en solitario para darlle paso a Esteban Basanta na primeira posición e con case 45 segundos de vantaxe. Basanta fixo un magnífico relevo e incluso aumentou a distancia, sobre todo na carreira a pe, onde logrou un dos mellores parciais. Esteban logrou chegar a meta cun minuto de distancia sobre o segundo clasificado (Madrid). Ademais hai que destacar que o equipo B de Galicia acadou a cuarta posición, a escasos segundos do terceiro clasificado. Moi grandes.

Quizáis che interese…