Esta fin de semana celebráronse na Coruña os Campionatos de España de Laser Run e Triatle en todas as categorías, con dominio das e dos deportistas galegos.
O sábado celebrouse o Campionato de España de Laser Run (tiro láser e correr) e o triunfo absoluto foi para Cristóbal Rodríguez Fidalgo. Ademais os nosos representantes lograron varias medallas máis: Mireia Vázquez Liz logrou a medalla de ouro na categoría prebenxamín; Ainhoa Prado foi ouro en infantil, así coma Andrea Vidal en cadete e Esperanza Cobas en xuvenil e Raul Blanco en júnior. Ademais destes títulos, houbo dúas pratas para Ariadna Romero (alevín feminino) e Patricia Juane (júnior).
O domingo celebrouse o torneo de triatle (tiro láser, natación e carreira a pe), con Raul Blanco e Aroa Freije coma campións de España absolutos e das súas respectivas categorías.
Mireia Vázquez logrou o ouro en prebenxamín, igual que Ainhoa Prado (infantil), Andrea Vidal (cadete), Aroa Freije (xuvenil), Raul Blanco (júnior) e Cristóbal Rodríguez (sénior). Durante a proba Cristóbal tivo problemas coa pistola, polo que non puido proclamarse campión absoluto do torneo. Esperanza Cobas logrou a medalla de prata na categoría xuvenil.