FERNANDO ALARZA, LÍDER PROVISIONAL DO MUNDIAL DE TRÍATLON TRALO QUINTO POSTO DE ESTOCOLMO

2 de Xullo de 2016

Boa actuación dos nosos deportistas na proba das Series Mundiais que se celebrou hoxe en Estocolmo. Fernando Alarza acadou a quinta posición, mentres que Antonio Serrat, que foi de menos a máis, logrou a 21ª posición. Ademais, Alarza colócase como líder provisional do Mundial con 3.345 puntos, por diante de Mario Mola.

Fernando volvía en Estocolmo á competición despois dunhas semanas de parón, unha vez conseguido o obxectivo de clasificarse para os Xogos. Nestas semanas os adestramentos están dirixidos a chegar nas mellores condicións a Río, e así enfrontaba a proba de hoxe.

Dende o inicio, Fernando  estivo moi ben colocado, xunto aos irmáns Brownlee, que parecían dispostos a ser protagonistas na carreira. E si que o foron. Alarza saiu da auga moi ben colocado, de forma que entrou no primeiro grupo que se formou ao saír da T1. Non tivo a mesma sorte Antonio Serrat, que quedou un pouco relegado e entrou no grupo perseguidor.

Durante a bicicleta o grupo dianteiro (formado por ata 14 triatletas) logrou ir aumentando as distancias sobre os perseguidores. Neste grupo estaban os grandes favoritos e parecía claro que entre eles estaría o gañador da proba das Series Mundiais de Estocolmo. Na segunda transición, Fernando perdeu uns segundos,  polo que comezou a carreira a pe na última posición do grupo. Nese intre o deportista do Grupo de Alto Rendemento do CGTD non se atopaba excesivamente ben, polo que decidiu ir de menos a máis e a táctica funcionou. Pouco a pouco foi remontando posicións e estivo a punto de quedar cuarto, nun apertado sprint final con Andreas Schilling, que foi favorable ao danés.

Por diante, os Brownlee atacaron dende o inicio da carreira a pe e marcharon xuntos ata a liña de meta, alternándose na cabeza. Ata que a falta dun quilómetro para o final o irmán maior, Alistair, atacou de forma clara e deixou atrás a Jonathan, que era o mellor situado na clasificación do Mundial.

Así, ouro para Alistair Brownlee (01:50:33), prata para Jontahan Brownlee (01:50:43) e bronce para o francés Pierre Le Corre (01:51:30). Fernando Alarza foi quinto (01:51:48), mentres que Antonio Serrat foi 21º (01:54:28), cunha boa carreira a pe final, que lle permitiu subir varios postos.

Pola súa banda, o venezolana Luismi Velásquez (que adestra no CGTD) non rematou a proba.

Quizáis che interese…