O tríatlon galego brillou esta fin de semana, sábado 25 de abril, na Copa de Europa de Torremolinos, disputada finalmente en formato dúatlon debido á mala calidade da auga.
Na categoría júnior feminina, Candela Sánchez acadou a medalla de prata tras finalizar segunda, só superada pola francesa Rosalie Gallant, mentres que a israelí Adar Haya completou o podio.

Na proba júnior masculina, Damián Suárez do Club Deportivo Delikia tamén se proclamou subcampión, nunha carreira na que o ouro foi para o español Xavi Cabanilles e o bronce para o eslovaco Dominik Ivaničk. Ademais, Lucas García do Deportivo Delikia, completou unha destacada actuación cun quinto posto.

Na categoría elite masculina, Jarno Pousada do Cidade de Lugo Fluvial quedou ás portas das medallas cun excelente cuarto posto. O podio estivo formado polos franceses Louis Vitiello e Tristan Douche, ouro e prata respectivamente, e o alemán Jaspar Ortfield, bronce.

Na elite feminina, a francesa Ambre Grasset fíxose coa vitoria por diante da austríaca Carina Reicht e da suíza Anouk Danna, mentres que a española Noelia Juan finalizou tamén en cuarta posición.

Desde a Federación Galega de Tríatlon felicitamos a todos os deportistas galegos participantes polo seu gran rendemento nunha cita de máximo nivel internacional.



