EDYMAR BREA E MARTÍN CARRERA, GAÑADORES EN NARÓN DO CLASIFICATORIO PARA O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE DÚATLON

3 de Marzo de 2019

Edymar Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Martín Carrera (Tríatlon Boiro) proclamáronse hoxe en Narón gañadores do clasificatorio para o Campionato de España de Dúatlon. Ademais, tamén se celebrou o II Dúatlon Popular Cidade de Narón e unha proba de promoción. Houbo moito vento que dificultou o desenvolvemento da proba, pero as e os deportistas fixeron gozar ao público asistente.

Edymar Brea dominou dende o inicio a proba feminina, mentres que por detrás ía Esther Rodríguez (Arcade Inforhouse) e a continuación un grupo de sete deportistas. A medida que ían pasando as voltas do ciclismo, se ía consolidando o liderato de Brea, e o grupo perseguidor logrou alcanzar a Esther Rodríguez.

Pero Edymar era imparable e entrou na meta en solitario cun tempo final de (57:20). Así, a emoción estivo por detrás, para ver quen lograba subirse ao podio xunto á deportista do Tri-Penta. E foi a duatleta do conxunto local Ana María Santiso (Náutico de Narón), que fixo un moi bo tramo de carreira a pe, quen logrou a segunda posición a dous minutos de Brea (59:20). O terceiro lugar foi para Aida García (Club Ciclismo-Tríatlon Poio) a escasos segundos (59:28).

Na proba masculina as forzas estiveron moi niveladas ata o remate. Os deportistas ían moi xuntos e todo tivo que decidirse no último segmento da carreira a pe. Rubén Sánchez (Independente) entrou na T2 con algúns segundos de vantaxe, pero na  carreira a pe foi superado por un intratable Martín Carrera (Triatlón Boiro) e Iván de Mora (Marlins). De destacar a enorme remontada de Manuel Piñeiro (Cidade de Lugo Fluvial) que chegou a segunda transición a máis dun minuto e logrou sumarse ao grupo de cabeza no tramo final da proba.

Así, o triunfo foi para Martín Carrera (Tríatlon Boiro) que se impuxo nos metros finais cun tempo de 50:00. A segunda posición foi para Iván de Mora (Marlins Tríatlon Madrid) a cinco segundos e terceiro foi Rubén Sánchez (Independente) cun tempo de 50:09. A cuarta posición foi para Manuel Piñeiro (50:13). As distancias  nesta proba foron de 5 quilómetros de carreira a pe, 18,8 quilómetros de bicicleta e 2,5 de carreira a pe.

Dúatlon Popular Cidade de Narón. A proba popular, cunha gran  participación próxima  ao centenar de  duatletas, disputouse a primeira hora da mañá con triunfo para os deportistas de casa.  Natalia Castro (Náutico Narón) foi a vencedora, sendo segunda  Patrice  Viadel (Olímpico de Vedra)  e terceira,  Henar Cons (Galaico). Na proba  masculina a vitoria foi para  Pablo Freire (Náutico de Narón), Javier Pena (Tríatlon Ferrol) ocupou a segunda praza e Marcos Gómez (Náutico de Narón) completou o podio.

Dentro do programa de competición,  tamén se disputou unha proba non competitiva para os mais pequenos de categoría  prebenxamín, que levaron os aplausos do numeroso público.

elite_femenino

elite_masculino

POPULAR

 

 

 

 

 

Quizáis che interese…