O XX Tríatlon Cidade de Ferrol exerceu este sábado de Campionato Xunta de Galicia e no circuíto con epicentro no porto deportivo de Curuxeiras o Cidade de Lugo Fluvial impúxose por partida dobre. Elsa Pena, triatleta júnior do conxunto lucense, dominou a proba feminina e o seu compañeiro de club Andrés Cendán apuntouse a vitoria na carreira masculina. Ao redor de 200 participantes déronse cita nun evento no que o numeroso público desfrutou dun alto nivel competitivo.
Os títulos autonómicos puxéronse en xogo nun escenario que presentou como principal novidade respecto a anteriores edicións do Tríatlon Cidade Ferrol o percorrido das carreiras a pé. Indo cara o Arsenal, en vez de concentrarse no porto, buscouse un último sector máis limpo. Os 5 quilómetros finais completáronse dando tres voltas ao novo trazado.
O campionato feminino arrancou con Elsa Pena saíndo da auga en cabeza tras os 750 metros de natación. Outra júnior, e tamén do Cidade Lugo Fluvial, como Carla Guisande marcou o mellor rexistro nos 20 km de bicicletas, pero non conseguiu contactar coa súa compañeira de equipo, que se mantivo á fronte da proba en todo momento e venceu cun rexistro de 1:10:28. A 56 segundos de Elsa Pena rematou Carla Guisande, polo que as dúas primeiras posicións corresponderon a triatletas juniors, do Cidade de Lugo Fluvial, e que este ano regresan a Galicia. Terceira concluíu Ainoa Gontán (Triatlón Inforhouse Santiago), a 2:05 da vencedora, no seu primeiro ano na categoría absoluta. Coas outras dúas prazas do top-5 fixéronse a júnior Iria Fernández (Polideportiva San Ramón) e a absoluta Uxía Campos (Cidade de Lugo), cuarta e quinta respectivamente. Na clasificación por clubs, o Cidade de Lugo Fluvial superou ao Triatlón Inforhouse Santiago.
Proba masculina
Ao vencedor tanto do Campionato Xunta de Galicia como do Tríatlon Cidade de Ferrol tocoulle remontar na competición masculina. Andrés Cendán marchaba cuarto á conclusión da natación, un sector no que o máis rápido foi Cristian Fernández (Inforhouse Santiago). O do Cidade de Lugo e o seu compañeiro de equipo Antonio Benito, ambos da categoría absoluta, foron os máis rápidos no circuíto de ciclismo e as mínimas diferenzas coas que arrancaron a carreira a pé ampliáronas para celebrar nos últimos metros o dobre éxito do club lucense.
Andrés Cendán, detendo o reloxo en 58:27, cruzou a meta 3 segundos antes que Antonio Benito, con licenza de Castela A Mancha. Iago Lorenzo (Náutico de Narón), a 36” do gañador, obtivo o subcampionato autonómico e Alejandro Rodríguez (Triatlón Ferrol), primeiro júnior, completou o podio do Campionato Xunta de Galicia. A continuación, clasificouse quinto Cristian Fernández e sexto, Iván Puentes (Triatlón Ferrol), primeiro nos sub23. Os seis primeiros son triatletas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), boa mostra do nivel que ofreceu esta proba.
Por equipos, o Cidade de Lugo Fluvial impúxose por diante do Náutico de Narón e a terceira posición conseguiuna o Triatón Ferrol.