Sara Guerrero proclámase campioa de España de Triatlón Distancia Olímpica en Banyoles

29 de Agosto de 2022

Importante colleita de éxitos a acadada pola ampla representación galega que durante a pasada fin de semana se desprazou ata a localidade catalá de Banyoles para participar no Campionato de España de Triatlón Distancia Olímpica. Sara Guerrero fíxose co título estatal Elite nunha carreira na que Natalia Castro rematou quinta e logrou a segunda posición Sub-23. A A.D. Náutico de Narón, o equipo da naronesa e da bueuesa, impúxose na clasificación por clubs feminina e o Cidade de Lugo Fluvial, na táboa masculina.

A proba Elite feminina viviu unha natación moi apertada, con Cecilia Santamaría (Cidade de Lugo Fluvial) saíndo primeira da auga. De seguido, dende o inicio do segmento de ciclismo, estableceuse un cuarteto en cabeza que chegou a gozar de máis dun minuto e medio respecto as súas perseguidoras. Ademais de Cecilia Santamaría, nese grupo estaban as galegas Sara Guerrero e Natalia Castro, e Iratxe Arenal (Saltoki).

Sen variar a situación realizouse a transición á carreira a pé, pero de contado Sara Guerrero e Cecilia Santamaría abriron oco para xogarse a vitoria. A triatleta de Narón lanzou o seu ataque definitivo no inicio da última volta e nun emocionante final venceu por 1 segundo de marxe e cun tempo de 1:57:23.

Por detrás das dúas primeiras, Paula Herrero (Saltoki) adiantou no comezo da última volta a Natalia Castro e a Iratxe Arenal, que non só pugnaron pola cuarta praza, senón tamén pola coroa Sub-23. A madrileña do Saltoki acabou dobregando por 28 segundos á triatleta de Bueu, aínda en idade Júnior e que rubricou unha magnífica actuación.

Vitorias por clubs

O rendemento de Sara Guerrero e Natalia Castro propiciou que a A.D. Náutico Narón conseguira dous podios por clubs na carreira raíña feminina.  Apuntouse a clasificación Elite, co Saltoki segundo e o Cidade de Lugo Fluvial terceiro, e nas Sub-23 ocupou a terceira posición na vitoria do Universidad de Alicante por diante do Saltoki.

Na competición Elite masculina a vitoria por clubs tamén se veu para Galicia. O Cidade de Lugo Fluvial subiu ao chanzo máis alto. Estivo escoltado polo Saltoki, segundo, e o Triatlón Albacete, terceiro. Os lucenses contaron con tres triatletas entre os seis primeiros: o castelán-leonés Kevin Tarek Viñuela obtivo a terceira posición, o catalán Guillem Montiel finalizou quinto e segundo Sub-23, e o manchego Antonio Benito meteuse sexto.

Campionato de Europa

O programa deste Campionato de España púxose en marcha o sábado coas probas Junior, Xuvenís, Grupos de Idade e Open, deixando para o domingo as carreiras Elite. Entremedias tamén se disputou o Campionato de Europa de Triatlón por Relevos Mixtos, competición na que o Cidade de Lugo Fluvial estivo por partida dobre entre os primeiros clasificados. Foi o mellor equipo español, sexto, na categoría Absoluta e na Júnior terminou cuarto, xusto por detrás dos madrileños do Diablillos de Rivas.

Ao balance do triatlón da nosa comunidade en Banyoles hai que engadir a convocatoria de dous oficiais galegos, Mónica Flores e Luis Coira, que formaron parte do equipo arbitral en terras xerundenses.

Quizáis che interese…