Enrique Morán (Atletismo Porriño) e Sonia Pariente (GV Sports Club) proclamáronse onte 25 de xuño en As Pontes campións galegos de longa distancia no NorthWest Triman 2016. Esta é a única proba que se celebra en Galicia sobre a distancia Ironmán (3,8 quilómetros de natación, 180 quilómetros de ciclismo e 42,2 quilómetros de carreira a pe). Ademais, tamén se celebrou unha proba de media distancia e en total participaron case 600 deportistas.
Na categoría masculina Fernando Luiña partía como gran favorito e durante boa parte da proba parecía que ía volver a ocupar un posto no podio. Foi mandando dende a natación. Chegou á segunda transición con case catro minutos de vantaxe sobre Enrique Morán, que tras unha regular natación foi crecendo no seu rendemento. E na carreira a pe, o deportista do Atletismo Porriño consumou a remontada, mentres que Luiña afundiuse ata quedar na 15ª posición. Desta forma o podio do Northwest Triman 2016 quedou formado por Enrique Morán (cun tempo de 09:17:10), a segunda posición foi para Rafael Delaunay (09:25:18) e o bronce para Pedro Escolante (09:27:00).
Na proba feminina o triunfo indiscutible foi para a andaluza Patricia Bueno (10:19:39), que dominou a proba de principio a fin. No segundo lugar chegou Ana López de San Román (10:46:40) e Sonia Pariente logrou o bronce e proclamouse campioa galega de longa distancia cun tempo final de 10:53:31.
Media distancia. Na proba de media distancia (1,9 – 90 – 21) participaron case 350 triatletas, e os triunfos foron para Iván Tejero e Ruth Gómez.
Na categoría masculina o podio quedou formado por Iván Tejero (04:10:39) no primeiro posto, prata para Cristóbal Dios (04:12:07) e bronce para Diego Pérez (04:15:35).
Na feminina, a primeira posición foi para Ruth Gómez (05:11:15), Laura Vicente logrou a segunda posición (05:28:24) e Cristina Santiago foi bronce (05:40:18).