Esta fin de semana celebraranse as finais provinciais de Lugo (en Lugo) e A Coruña (Fene) do programa “Xogade” de Dúatlon Escolar cunha participación total de case 250 deportistas das categorías alevín, benxamín, infantil e cadete.
O Dúatlon Escolar de Lugo celebrarase o sábado 16 de abril (a partir das 16:00 horas) coa participación de algo máis de 50 deportistas. A saída, boxes e meta estarán situadas no Paseo do Rato.A fase provincial de A Coruña disputarase en Fene (Dúatlon Escolar Concello de Fene) o domingo 17 de abril (11:00 horas) con case 190 deportistas clasificados. A saída, transición e meta estarán situados en San Valentín (fronte ao Pavillón da Xunqueira).
As distancias son diferentes segundo a categoría. Desta forma, en benxamín as e os deportistas correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e correrán 250 metros; en alevín as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil,1,5 quilómetros de carreira, 6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e, por último, en cadete son 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta 1 quilómetro de carreira.
O programa constaba de cinco probas locais (Vedra, Santiago, Vilalba, Mondoñedo e Maside), aínda que a semana pasada tivo que suspenderse a de Maside polas malas condicións meteorolóxicas. Nas probas zonais clasificáronse os 25 mellores por categoría e sexo para as fases provinciais e aquí lograrán o pase ao Galego os 8 primeiros clasificados de cada categoría, ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon.