ESTA FIN DE SEMANA CELEBRARANSE AS FINAIS PROVINCIAIS DO PROGRAMA DE DÚATLON ESCOLAR

14 de Abril de 2018

Esta fin de semana celebraranse en Nigrán, Mondoñedo, Fene e Maside as finais provinciais do programa de Dúatlon Escolar do presente ano. En total máis de catrocentos deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete participarán nestas fases.

O sábado 14 celebrarase o Dúatlon Escolar de Mondoñedo coa participación de 71 inscritos. Ademais, tamén terá lugar a actividade de Multixogo do programa Xogade da Xunta de Galicia no que están inscritos 17 deportistas.

O domingo 15 terán lugar as outras tres fases provinciais. En Fene celebrarase a Dúatlon Escolar de Fene, final da Coruña cunha altísima participación (226 deportistas). As probas comezarán ás 11:00 horas. Celebrarase en San Valentín (enfronte do Pavillón A Xunqueira).

A fase provincial de Pontevedra é o Dúatlon Escolar de Praia América con preto de 90 participantes, ademais de 15 deportistas nunha proba prebenxamín.

Por último, disputarase o domingo 15 de abril (11:00 horas) o Dúatlon Escolar de Maside, final provincial de Ourense, coa participación de 35 deportistas. O lugar será nos arredores do Pavillón de Deportes.

As distancias son diferentes segundo a categoría: Na proba benxamín os participantes correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e rematarán con 250 metros de carreira a pe. En alevín as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil os duatletas realizarán 1,5 quilómetros de carreira, 6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e en cadete os participantes farán 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta e 1 quilómetro de carreira.

O programa de Dúatlon Escolar consta de varias probas locais ou zonais (Santiago, Lugo, Carballo e Maceda), nas que se clasifican os 25 mellores por categoría e sexo para as fases provinciais e aquí lograrán o pase ao Galego os 8 primeiros clasificados de cada categoría, ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon.

Quizáis che interese…