ESTA FIN DE SEMANA CELEBRARASE A I TRIVOLTA A GALICIA EN ARTEIXO, RIBEIRA E CEDEIRA

27 de Abril de 2017

Esta fin de semana (29 e 30 de abril e 1 de maio) celebrarase a I Trivolta a Galicia, que está formada por tres etapas con Arteixo, Ribeira e Cedeira como sede de cada xornada. Ademais, tamén se pode participar en só unha ou dúas probas e en cada localidade haberá probas populares.

Entre os participantes, triatletas destacados coma as irmás Camila e Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) ou Edymar D. Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) na categoría feminina. Na masculina, entre os inscritos atópanse   Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), Alberto Castiñeira (Tríatlon Arteixo), Miguel Ángel Acosta (Cidade de Lugo Fluvial), Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo), Cristobal Dios (Tri-Penta Terras de Lugo) ou Martín Carrera (Natación Riveira).

A Trivolta comezará coa celebración da primeira etapa en Arteixo o sábado 29 de abril, con saída, transición e meta na praia de Sabón. As distancias, tanto para a proba popular como para a Trivolta, serán de 300 metros de natación, 6.5 quilómetros de ciclismo e 2 quilómetros de carreira a pe.

O domingo 30 terá lugar a segunda xornada en Ribeira, onde se disputará a segunda etapa con distancia sprint (750 metros – 20 quilómetros – 5 quilómetros) e o tríatlon popular, máis curto (300 m. – 10 qm. – 2,5 qm.). A saída, transición e meta estarán instaladas na Praia do Coroso.

O 1 de maio a Trivolta chega a Cedeira cun tríatlon de distancia olímpica (1.500 metros de natación, 36 quilómetros de ciclismo e 10 quilómetros de carreira a pe). A saída, transición e meta estarán instaladas na Praia da Magdalena.

Quizáis che interese…