Oropesa do Mar acollerá esta fin de semana a Copa do Rei de Tríatlon (sábado 16) e o Campionato de España de Tríatlon por relevos (día 17). Tamén se celebrarán os campionatos de España de tríatlon por clubs e a contrarreloxo por equipos en idade escolar. Galicia contará con varios equipos en todas as probas.
Copa do Rei. A proba, que se celebrará o sábado 16 de maio, desenvolverase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 21,9 quilómetros de bici e 5 de carreira a pe). É unha contrarreloxo por equipos, que están compostos por un máximo de 6 membros e deben rematar polo menos catro para clasificar. O cuarto clasificado é o que da o tempo ao equipo. Os equipos sairán en intervalos de 1 minuto seguindo a clasificación da tempada anterior (en orde inversa), polo que os mellores saen nas últimas posicións. Tamén haberá o correspondente campionato escolar.
Na proba elite masculina, con 87 clubs inscritos, participarán tres equipos galegos: Arcade Inforhouse, Cidade de Lugo e Olímpico de Vedra. Na proba feminina, con 55 inscritos, a Federación Galega de Tríatlon estará representada por Arcade Inforhouse, Cidade de Lugo Fluvial, Olímpico de Vedra e Tríatlon Ferrol.
O pasado ano, triunfo para o Tri-Penta Terras de Lugo, que participaba por vez primeira, na categoría masculina, mentres que na feminina o Cidade de Lugo logrou o bronce. O Tri-Penta non estará en Oropesa.
Campionato de España de Tríatlon por relevos. O domingo 17 de maio celebrarase esta competición na que os equipos están formados por tres deportistas e cada un deles realizará un pequeno tríatlon (300 metros de carreira a pe, 5,75 quilómetros de bicicleta e 1,6 de carreira a pe) e da a quenda ao seu compañeiro. A proba feminina comezará ás 11:45 coa participación de Arcade Inforhouse, Cidade de Lugo e Olímpico de Vedra, mentres que a masculina comezará ás 13:30 horas coa presenza de Arcade Inforhouse, Cidade de Lugo e Olímpico de Vedra. Ademais celebrarase este mesmo campionato en idade escolar, con varios equipos galegos, a partir das 09:00 horas.
No 2014 o Tri-Penta Terras de Lugo logrou o título masculino, mentres que o Arcade inforhouse foi bronce. Este ano o club lucense non acode a este campionato.