A viguesa Susana Rodríguez logrou hoxe o ouro na Madrid ITU World Paratriathlon, unha proba dun altísimo nivel competitivo.
Era a proba máis importante da presente tempada para Susana, xa que se enfrontaba a rivais duras e ademais volvía a competir con Mayalen Noriega. E todo saíu da mellor forma posible. O dúo saíu da auga na primeira posición e con certa distancia sobre a segunda, tanta que a pesar de que perderon case medio minuto na transición seguían ocupando a primeira posición. Na bicicleta, a galega fixo un sector espectacular no que se decidiu todo, xa que abriu unha brecha imposible de recuperar para as súas rivais, así que na carreira a pe estivo moi cómoda, controlando as distancias e aínda así, logrou o segundo mellor parcial. Susana xunto a Mayalen foron as primeiras en meta cun tempo de 01:23:12, o segundo posto foi para Joleen Chopper (01:23:32) e terceira foi Melissa Reid (01:24:46).