ESTE DOMINGO 28, COPA DO MUNDO DE TRÍATLON DE MADRID CUNHA IMPORTANTE PARTICIPACIÓN GALEGA

26 de Maio de 2017

Madrid converterase esta fin de semana na capital europea do tríatlon, coa celebración da Copa do Mundo de Tríatlon, así coma todas as probas unidas a este gran evento. En todas as probas, a Federación Galega de Tríatlon estará moi ben representada e as e os nosos triatletas tentarán acadar os seus obxectivos.

Copa do Mundo. A Copa do Mundo celebrarase o domingo 28 de maio, novamente co final ante o Palacio Real como xa sucedera o pasado ano. A saída feminina está prevista para as 10:55 horas coa participación das galegas Melina e Camila Alonso. Tamén está na lista de saída Joselyn Brea, do Grupo de Alto Rendemento do CGTD e con licenza galega dende hai anos.

A proba masculina (13:15 horas) conta coa participación dos galegos Antonio Serrat e Uxío Abuín, que o pasado ano en Madrid (Copa de Europa) foron segundo e terceiro, respectivamente, facendo unha proba espectacular. Ademais, tamén están inscritos o gañador da proba do pasado ano, Kristian Blummenfelt (Noruega); o francés Pierre Le Corre, o mexicano César Saracho, Dorian Coninx, o galego Antón Ruanova (agora competindo con Brasil) ou o venezolano Luismi Velasquez (Tamén con licenza galega). As distancias son de 1.500 metros de natación no lago da Casa de Campo, 39 quilómetros de ciclismo e 10 quilómetros de carreira a pe.

Clasificatorio Europeo Júnior. O sábado 27 de maio varios galegos e galegas participarán no clasificatorio youth o júnior para o Campionato de Europa da categoría, que se celebrará en Madrid.

A proba youth celebrarase a partir das 15:00 horas coa presenza de varios galegos. Na categoría feminina competirán Henar Diana Cons (Motobike) e Myriam López (Cidade de Lugo Fluvial), mentres que na masculina  participarán Jorge González (Natación Riveira), Martín Casal (Talleres David Tríatlon Compostela), Jorge Morado (Tríatlon Ferrol), Arturo Ramos (Talleres David Tríatlon Compostela), Martín Cando (Cidade de Lugo Fluvial), Esteban Basanta (Cidade de Lugo Fluvial) e Javier Pena (Cidade de Lugo Fluvial).

Na proba júnior, que comezará ás 15:30 horas, competirán Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol) e Iván Anzaldo (Náutico de Narón) na proba masculina e Inés Castaño (Arcade Inforhouse) e Iria Rodríguez (Atletismo Porriño), na feminina. No caso de Iria non se decidirá ata o último momento se compite, xa que se atopa con molestias físicas nun pe.

 

 

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...