O V TRÍATLON POPULAR PORRIÑO-TUI CELEBRARASE O 27 DE MAIO CON 220 PARTICIPANTES

26 de Maio de 2017

O sábado 27 de maio celebrarase o V Tríatlon Popular Porriño-Tui, que unirá as localidades do Porriño e Tui, con 220 deportistas inscritos. Esta proba popular, ano tras ano, move a gran número de participantes e ademais cun alto nivel competitivo, e iso a pesar de que esta fin de semana tamén hai unha proba importante na Coruña.

O tríatlon comezará na localidade de Tui, coa celebración do segmento de natación (750 metros) no río Miño; o sector de bicicleta (20,2 quilómetros) realizarase entre as ambas localidades, e o segmento de carreira a pe (5 quilómetros) descorrerá polo casco urbano do Porriño. O remate está previsto na Praza Antonio Palacios. A proba dará comezo ás 16.00 horas (saída masculina).

Na categoría masculina haberá unha importante participación entre os que podemos destacar a Martín Carrera (Natación Riveira), que foi o gañador das dúas últimas edicións desta proba; Fabián Ubeira (Asociación Deportiva CAR), David Landeira (Asociación Deportiva Media Ducia) ou Iago Sobreira (Atletismo Porriño), entre outros

Na categoría feminina (16:10 horas) non está a vencedora do pasado ano, a local Iria Rodríguez (Atletismo Porriño), que viaxa a Madrid para un clasificatorio júnior para o Campionato de Europa, aínda que arrastra molestias nun pe e non sabe se estará en condicións de competir. Así, entre as máis destacadas en Porriño están María Martínez (Atletismo Porriño), Tania Suárez (Olímpico de Vedra), Cristina Torres (Mar de Vigo) ou Mónica Alarcón (NoSportLimit).

Ano 2016. Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) e Martín Carrera (Natación Riveira) proclamáronse o pasado ano vencedores do IV Tríatlon Popular Porriño-Tui, que uniu as localidades do Porriño e Tui, con máis de 300 participantes.

Quizáis che interese…