ESTE DOMINGO 5 DE FEBREIRO CELEBRARASE EN RIVEIRA A ÚLTIMA PROBA ZONAL DO PROGRAMA NADA E CORRE

2 de Febreiro de 2017

Este domingo 5 de febreiro celebrarase en Riveira a última proba zonal do programa Nada e Corre do 2017, que é clasificatoria para a final galega que se disputará en febreiro en Pontevedra.

O Nada e Corre de Riveira contará coa participación de máis de 180 nenos e nenas das categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete. A proba de natación comezará ás 10:00 horas e desenvolverase na piscina da Fieiteira. A carreira a pe disputarase nas pistas de atletismo a partires das 12:00 horas.

O programa Nada e Corre da presente tempada, que se desenvolve entre os meses de decembro e febreiro, está formado por cinco probas clasificatorias zonais (Ortigueira, Carballo, Vigo, Ourense –xa celebradas-, e Riveira) e unha final. A final terá lugar o día 11 de febreiro en Pontevedra  e para a mesma clasificaranse un total de 9 deportistas por categoría e sexo.

As distancias a realizar dependerán das categorías:

  • Prebenxamín: 25 metros de natación e 250 de carreira a pe.
  • Benxamín: 50 metros de natación e 500 de carreira a pe.
  • Alevín: 100 metros natación e 500 carreira a pe.
  • Infantil: 200 metros natación e 1.000 carreira a pe.
  • Cadete: 400 metros natación e 2.000 carreira a pe.

Este programa, que comezou no 2012 promovido pola Federación Galega de Tríatlon, está dedicado ás categorías menores e ten como obxecto traballar en inverno a natación, de forma moi especial, e a carreira, aspectos considerados fundamentais nestas idades polos técnicos.

 

Quizáis che interese…