Fernando Alarza e Antonio Serrat disputarán o sábado 2 de xullo (18:45 horas, TVG2) a sexta proba das series mundiais de 2016, que se celebrará en Estocolmo. Na cita tamén estará o venezolano Luismi Velásquez, que adestra no Grupo de Alto Rendemento do CGTD, e deuse de baixa Javi Gómez Noya no último intre por enfermidade.
Xa están moi preto os Xogos Olímpicos e iso terá a súa incidencia na proba de Estocolmo, na que participarán algúns dos grandes favoritos para Río, que xa comezan a súa posta a punto final. Alarza (segundo na clasificación provisional do Mundial) volve á competición despois dunhas semanas de parón, tras conseguir a súa clasificación olímpica. O deportista do Grupo de Alto Rendemento do CGTD sairá co dorsal número 1, ante a ausencia do líder Mario Mola.
Ademais, na lista de saída estarán os irmáns Brownlee, que tamén están sendo habituais nas últimas citas. Gómez Noya tamén aparecía na lista de partida, pero onte deuse de baixa por enfermidade, co cal no poderemos ver un novo enfrontamento entre os irmáns Brownlee e o pentacampión do mundo, sempre apaixonantes.
Xunto a Alarza, contaremos coa participación do vigués Antonio Serrat, que está a facer unha gran tempada, co seu mellor resultado na Copa de Europa de Madrid, onde acadou a segunda posición. Ademais, hai uns días quedou na cuarta posición no Europeo sub 23 de Burgas. O obxectivo para Serrat é quedar entre os vinte primeiros e sumar así puntos no seu ranking mundial para seguir participando nas máis destacadas probas a nivel internacional. A proba de Estocolmo disputarase sobre a distancia olímpica: 1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 de carreira a pe.
As Series Mundiais de Tríatlon 2016 están formadas por nove probas que se disputan en Abu Dhabi (Emiratos), Gold Coast (Australia), Cidade do Cabo (Sudáfrica), Yokohama (O Xapón), Leeds (Gran Bretaña), Estocolmo (Suecia), Hamburgo (Alemaña), Edmonton (Canadá) e Cozumel (México).
Trala disputa da quinta proba do mundial Mario Mola segue como líder con 3.033 puntos, Alarza continúa na segunda posición con 2.759 puntos e terceiro é Jonathan Brownlee, con 2.165 puntos.