IRIA RODRÍGUEZ PARTICIPARÁ MAÑÁ NO EUROPEO YOUTH QUE SE CELEBRA EN HUNGRÍA

1 de Xullo de 2016

A galega Iria Rodríguez disputará mañá 2 de xullo (14:16 horas) a semifinal individual do Campionato de Europa Youth de Tríatlon, que se disputa dende mañá ata o martes 5 de xullo en  Tiszaujvaros (Hungría). A nosa deportista, aínda cadete, é das máis novas e con menos experiencia a nivel internacional, pero aínda así viaxa con moita ilusión. En Hungría tamén estará o adestrador do Centro Galego de Tecnificación Deportiva,  Jonathan Cancelas, convocado pola Federación Española.

 

Este ano houbo novidades importantes no Europeo Youth ao introducirse a competición individual. O torneo comezará mañá coa disputa das semifinais individuais. A nosa deportista estará na semifinal 2 e buscará o pase para a final, que se celebrará o luns. Clasifican as nove primeiras clasificadas de cada semifinal (son 3) e os tres mellores tempos, para formar así unha final de 30 deportistas. As distancias son de 500 metros na natación, 12 quilómetros de bicicleta e 3,2 quilómetros de carreira a pe.

 

Ademais, o martes celebraranse a proba de relevos mixtos, na que cada un dos integrantes do equipo (dúas mulleres e dous homes) deben facer un mini-triatlon (270 metros de natación, 6,4 quilómetros de bicicleta, 1,55 de carreira a pe).

 

 

Quizáis che interese…

Montreal

Montreal

Montreal acolle unha nova cita das Series Mundiais e o Campionato do Mundo Junior de Tríatlon....