Fernando Alarza participará na madrugada do sábado na segunda proba das Series Mundiais 2015, que se celebrará en Gold Coast (Australia). A proba masculina comezará o sábado 9 de abril ás 04:15 (hora galega) e será retransmitida pola TVG-2.
Será unha proba fundamental para Fernando nesa loita por acadar a terceira praza española para os Xogos de Río. Nestes intres Alarza vai claramente por diante de Vicente Hernández. Alarza fixo unha tempada espectacular o pasado ano, e na primeira proba das Series Mundiais de Abu Dabi foi cuarto, mentres que Hernández ocupou a 34ª posición.
Alarza, que sairá co dorsal 3, leva varias semanas adestrando en Sudáfrica e enfronta esta proba con moi boas sensacións e gañas de seguir sumando puntos no seu ránking mundial. Na proba estarán case todos os mellores triatletas do mundo: Mario Mola, os irmáns Brownlee que debutan esta tempada e so faltará Javi Gómez Noya, que segue adestrando coa tranquilidade de ter a súa praza no peto.
A proba de Gold Coast dispútase sobre a distancia olímpica. Así, os deportistas deberán nada 1.500 metros, facer 40 quilómetros de bicicleta nun circuíto bastante cómodo e rematarán con 10 quilómetros de carreira a pe. O pasado ano, Alarza foi sétimo nesta mesma proba, mentres que o triunfo foi para Jonathan Brownlee e Gómez Noya foi bronce.