GALICIA `ASALTA´ A COPA DE EUROPA DE TRÍATLON DE MELILLA ESTA FIN DE SEMANA

7 de Abril de 2016

Galicia estará representada por nove  deportistas (Uxío Abuín, Antonio Serrat, Alberto Castiñeira, Martín Carrera, Camila Alonso, en elite e Carlos Brión, Andrés Cendán, Marcos Ruíz e Sara Guerrero) na Copa de Europa de Triatlón de Melilla, que se celebrará o domingo 10 de  abril nesta localidade autónoma situada no norte de África. Ademais, tamén participará na Copa de Europa de Melilla a xuíza galega Mónica Flores, que será a delegada técnica adxunta da proba.

A xornada comezará coa disputa da Copa de Europa Júnior. A proba feminina comezará as 9.00 horas e na mesma participará Sara Guerrero (Tríatlon Ferrol). Na masculina (10.05 horas) contaremos coa participación de Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial), Carlos Brión (Natación Riveira) e Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol).  As distancias nesta proba son de 750 metros no sector de natación, 20 quilómetros en bicicleta e 5 de carreira a pe.

A elite feminina comezará ás 15.00 horas e Galicia estará representada por Camila Alonso (Tríatlon Ferrol), mentres que na elite masculina (18.00) contaremos con Uxío Abuín (Tríatlon Arteixo), Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse) e Martín Carrera (Natación Riveira). Uxío chega nun moi bo momento despois de gañar o Campionato de España de Duatlón, mentres que Antonio Serrat foi oitavo na Copa de Europa de Quarteira. A proba celebrarase sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe) e a natación realizarase no mar Mediterráneo.

2015. O pasado ano dous galegos lograron subir ao podio de elite: Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) foi prata e Uxío Abuín (Tríatlon Arteixo), bronce. Ademais, hai que destacar a sétima posición de Melina Alonso (Tríatlon Ferrol), que estivo toda a proba nas primeiras posicións. En júnior, Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) logrou a medalla de prata, mentres que Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse) acadou a oitava posición na proba masculina.

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...