Volveron as Series Mundiais coa segunda proba do ano 2018 celebrada nas Illas Bermudas, e regresaron tamén as boas sensacións para Fernando Alarza e Uxío Abuín. Alarza foi sexto clasificado, remontando moitas posicións na carreira a pe; mentres que Uxío Abuín foi un top-15 e volveu a sentirse ben despois dun complicado inicio de tempada por culpa dunha lesión, que non lle permitiu adestrar ben durante a pretemporada.
A proba das Bermudas foi durísima -moita calor e humidade- e tivo un desenlace inesperado ao producirse un podio completamente noruego. O vencedor foi Casper Stornes, que logrou escaparse en solitario na bicicleta e alcanzou unha distancia de máis de dous minutos cando chegou a segunda transición, que xa foi irrecuperable. Kristian Blummenfelt (prata) e Gustav Iden (bronce) compretaron o podio.
Por detrás, boa actuación de Mario Mola, que fixo o mellor parcial a pe, e logrou colocarse cuarto. Pola súa banda, Fernando Alarza, tamén moi rápido na carreira a pe, indo de menos a máis, foi sexto tras impoñerse nun fermoso sprint final a Dorian Connix.
E por último, destacar a magnífica 15ª posición de Uxío Abuín, o seu mellor posto nunha proba das Series Mundiais, e onde volveu recuperar sensacións.