FERNANDO ALARZA, UNDÉCIMO NA GRAN FINAL DE GOLD COAST

16 de Setembro de 2018

Fernando Alarza logrou a undécima posición na Gran Final das Series Mundiais celebrada en Gold Coast (Australia), na que o gran Mario Mola acadou o título de campión do mundo por terceira vez de forma consecutiva. En Gold Coast tamén participou o galego Uxío Abuín, que rematou na 45ª posición.

Foi unha proba complicada e dura, principalmente na natación, con moitas ondas provocadas polo forte vento, na que houbo moitos golpes. Así, na primeira aboia  pasou de todo e finalmente foron descualificados Alistair Brownlee e Russell White (por saltarse a aboia). Así, na saída da auga, Alarza é o primeiro español no posto 17 (Mario Mola saíu no posto 28) e con Uxío Abuín un pouco descolgado.

Na bicicleta tocaba remar para alcanzar a un grupillo de sete que ía por diante e así foi. A partir do quilómetro 10, formouse un grupo de 26 homes con todos os favoritos entre eles. Pero había ganas de darlle emoción e no quilómetro 23, Blummenfelt e Van Riel atacan para chegar á T2 con vantaxe. Finalmente, alcanza esta segunda transición o noruego con 35 segundos de vantaxe sobre o grupo de Mola e Alarza, mentres que Van Riel vai segundo (a 28 segundos) por un problema coa cadea da bicicleta que lle fixo parar para arranxala.

Na carreira a pe, o grupo principal queda roto, con Mola nun primeiro grupo e Alarza, no segundo. O grupeto de Mola alcanza e supera a Blummenfelt e vai perdendo integrantes ata quedar só en cabeza de carrera Vicent Luis, Mario Mola, Richard Murray e Henry Schoeman, a falta de 4 quilómetros. Por detrás, Alarza vai no segundo grupo tentando en solitario recortar distancias, xa que non conta colaboración no seu grupo.

O ritmo é altísimo, pero Vincent Luis aínda ten algo máis e  a falta de dous quilómetros lanza un novo ataque, ao que Mola non resposta, sabendo que non tiña que arriscar, xa que o título do mundo estaba nas súas mans. Así, o triunfo na gran final foi para o francés Vincent Luis (1:44:34), mentres que segundo foi Mario Mola (1:44:48) e o bronce foi para Murray (1:44:56). 

Fernando Alarza, que non se atopou demasiado ben, remata a proba na posición undécima (1:45:58), mentres que Uxío Abuín sufriu moito na carreira a pe e  chegou 45º.

Resultados

Mundial. Na clasificación do Mundial, o título foi para Mario Mola, con Luis na segunda posición e bronce para Jacob Birtwhistle. Fernando Alarza logrou a sexta posición con 3.520 puntos, nunha tempada complicada, por lesións e algunha enfermidade (como a que lle impediu competir en Montreal). Antonio Serrat por 31º (1.221 puntos).

Relevos mixtos. Na proba de relevos mixtos sub 23/júnior, España ocupou a novena posición. O vigués Antonio Serrat fixo a segunda quenda e foi o relevista español máis destacado, logrando remontar varios postos e entregar a testemuña moi preto dos primeiros, pero finalmente a selección española chegou a meta 9ª cun tempo final de 01:22:55. O título mundial foi para Francia.

 

Quizáis che interese…