O Campionato Galego de Tríatlon de Categorías Menores celebrarase mañá sábado 21 de xullo en Ferrol coa participación de máis de 300 deportistas (48 benxamíns, 102 alevíns, 68 infantís e 88 cadetes) de máis de 20 clubs galegos. Esta é unha das probas máis fermosas da tempada, porque nos permite ver en acción aos máis pequenos e tamén xa a aqueles que xa están a acadar grandes resultados nas categorías menores, o futuro do noso deporte. Así, por exemplo, en Ferrol estarán Esteban Basanta e Elsa Pena (campións de España cadete) ou Jorge González e Carla Guisande (bronces no Campionato de España).
O campionato comezará ás 10:30 horas coa saída da proba benxamín, mentres que os últimos en saír serán os cadetes ás 12:30 horas. A saída, transición e meta estarán ubicadas no Peirao de Curuxeiras (Porto de Ferrol). As distancias serán diferentes dependendo da categoría: Benxamín (100 metros natación – 2 quilómetros en bicicleta – 500 metros de carreira a pe); alevín (200 m. – 4 qm. – 1 qm.); infantil (400 m. – 8 qm. – 2 qm.) e cadete (750 m. -10 qm. – 2,5 qm.).